TítGalicia e outras comunidades lamentan o novo desprezo do Goberno central ao negarse a consensuar unha proposta para reformar a Lei de costas

A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente convocada para abordar o proxecto de novo regulamento acaba sen avances entre Ministerio e representantes autonómicos

A Xunta considera o ocorrido durante a reunión unha “nova afrenta” ás comunidades costeiras e advirte de que a reforma é un “atropelo ás competencias” autonómicas recoñecidas legalmente e avaladas tamén polo Tribunal Constitucional

As comunidades acusan ao Executivo central de empregar como escusa o expediente da CE contra España para impulsar de forma unilateral unha modificación que regula procedementos de outorgamento de concesións que teñen atribuídos en exclusiva

Advirten de que, nos termos actualmente propostos, o Real Decreto xerará inseguridade xurídica e piden que se teñan en conta as súas alegacións xa que non puideron participar en ningunha parte do procedemento de elaboración do proxecto

Denuncian que o Goberno segue sen garantir que as súas demandas sexan atendidas nin trasladadas a Europa tras seis anos negociando con Bruxelas ás súas costas

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitou someter a votación, no marco da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente monográfica celebrada hoxe, a proposta presentada por Galicia e outras oito comunidades e cidades autónomas para pedir a suspensión cautelar da tramitación da reforma do Regulamento Xeral de Costas e promover, con carácter previo, unha modificación lexislativa desde o consenso.

O argumento utilizado polos representantes ministeriais foi que non se pode votar un proxecto no seo deste organismo. Sen embargo, o que realmente pedían as comunidades autónomas era que houbera un pronunciamento dos membros da Conferencia Sectorial ante a proposta de resolución presentada, na que solicitaban, ademais, que a futura reforma da Lei de costas estatal e a posterior adaptación do seu regulamento se abordara desde “o máximo respecto ás competencias autonómicas” en relación ás autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre.

Precisamente, cómpre lembrar que esta reunión foi convocada hoxe polo Goberno central en resposta a unha petición realizada durante a Conferencia Sectorial do pasado 22 de xuño por parte de Galicia, que contou co apoio da Comunidade Valenciana, Andalucía, A Rioxa, Cantabria, Madrid, Rexión de Murcia, Ceuta e Baleares.

O obxectivo das nove comunidades era poder abordar co Ministerio, de forma monográfica e con carácter urxente, o proxecto de Real Decreto co que o Executivo central pretende modificar o Regulamento de Costas, cuxa tramitación anunciou a comezos deste ano de forma unilateral e sen abrir ningún tipo de consultas coas comunidades.

Neste sentido, por primeira vez os conselleiros do ramo tiveron a oportunidade de debater e opinar ante representantes do Ministerio sobre a súa intención de introducir cambios substanciais relativos á ordenación do litoral e á regulación dos procedementos asociados, materias nas que as comunidades costeiras teñen competencias exclusivas.

Sen embargo, ante a falta de avances, concrecións ou compromisos de ningún tipo por parte do Ministerio durante a Conferencia Sectorial de hoxe —á que nin sequera asistiu a ministra—, desde a Xunta interprétase esta reunión como unha “nova afrenta e desprezo” ás comunidades costeiras por parte do Executivo de Pedro Sánchez.

De feito, durante a quenda de palabra a secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, interveu en nome da conselleira para insistir en que a reforma regulamentaria, tal e como está proposta, é un “atropelo ás competencias” autonómicas recoñecidas no Estatuto e ratificadas polo Constitucional na sentenza coa que avalou a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Nesta liña, tamén advertiu de que, coas modificacións introducidas, o Estado vai máis alá do que lle corresponde, xustificando estes cambios no expediente de infracción iniciado contra España pola Comisión Europea por non traspoñer correctamente a nova Directiva de servizos no litoral.

Sen garantías

Varios representantes das comunidades lamentaron que o Executivo central utilice como escusa o procedemento aberto polas autoridades comunitarias para impulsar de forma unilateral e sen diálogo previo unha modificación que regula procedementos de outorgamento de concesións atribuídos en exclusiva aos gobernos autonómicos e sen prever, ademais, os fondos necesarios para atender as previsibles indemnizacións que exixirán os titulares afectados pola reforma, o que xerará inseguridade xurídica.

Por iso, insistiron en pedir que todos os aspectos expostos hoxe en contra da reforma do Regulamento Xeral de Costas así como o resto de alegacións presentadas polas comunidades no trámite de información pública sexan incorporados ao proxecto definitivo e se trasladen á Comisión Europea para que teña coñecemento do alcance e do contido da modificación proposta por España.

Ao respecto, incidiron en que o Ministerio leva case seis anos dialogando con Bruxelas de costas ás comunidade xa que en ningún momento do proceso, nin antes nin durante a elaboración do anteproxecto do novo regulamento, consultou con elas a situación ou as posibles solucións. Por iso, lamentaron a oportunidade perdida na Conferencia Sectorial de hoxe, que rematou sen acordos e sen que o Goberno central dera ningún tipo de garantías de que vai atender as súas demandas e trasladarllas a Europa.

Data de actualización: 08/07/2026