O Goberno vasco amosa interese polo modelo integrado do Servizo de Gardacostas de Galicia en materia de salvamento e loita contra o furtivismo
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, recibiu en San Caetano ao conselleiro de Seguridade do País Vasco, Bingen Zupiria, quen encabeza unha delegación institucional para coñecer de primeira man a estrutura e o funcionamento do corpo galego
A representación vasca analizará durante dúas xornadas a operatividade dos medios marítimos e aéreos de Galicia, unha comunidade de referencia por unificar nun único servizo civil a inspección pesqueira, o salvamento e a protección ambiental
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, recibiu ao conselleiro de Seguridade do Goberno Vasco, Bingen Zupiria Gorostidi, e á viceconselleira de Protección Civil, Joana Egiluz Ibarguen. O encontro enmarca o inicio dunha viaxe de traballo programada pola delegación vasca co obxectivo de estudar o modelo organizativo e de xestión do Servizo de Gardacostas de Galicia, adscrito á Consellaría do Mar, que destaca a nivel nacional por centralizar de xeito eficiente as competencias de busca, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e control do furtivismo.
A titular de Mar, acompañada polo subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Juan Carlos Codesido, amosou o potencial deste servizo autonómico, un corpo que conta con máis de tres décadas de traxectoria e máis de 140 efectivos directos e de inspección veterinaria. Villaverde salientou que, a diferenza de modelos onde as competencias marítimas están fragmentadas en diferentes departamentos, a eficacia do sistema galego radica en reunir nun único organismo civil a protección dos recursos e a resposta inmediata ante as emerxencias as 24 horas e os 365 días do ano.
Neste senso, puxo en valor o avanzado despregue técnico do servizo, que inclúe máis de 70 vehículos terrestres, catro grandes buques multipropósito, patrulleiras —como a recén incorporada Punta Faxilda este mesmo mes de xullo— e os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2. Unha infraestrutura e modelo de xestión que esperta o interese do Goberno vasco que asumirá as competencias en salvamento marítimo o vindeiro mes de outubro.
Axenda de traballo
Tras a recepción oficial e a visita aos servizos centrais en Santiago de Compostela, a delegación vasca trasladouse á Unidade Operativa de Ribeira para coñecer as súas instalacións. A xornada completouse cun percorrido técnico a bordo da patrulleira Mar de Galicia pola ría de Arousa e unha inspección ao buque multipropósito Irmáns García Nodal no porto da Pobra do Caramiñal.
A folla de ruta temporal continuará mañá venres co desprazamento da representación vasca ata o aeroporto de Peinador, en Vigo, onde visitarán a base do helicóptero Pesca 1, para despois concluír a viaxe en Marín avaliando as capacidades operativas do buque multipropósito remolcador Sebastián do Campo.