A secretaria xeral técnica, Marta Barreiro, respondeu no Parlamento a unha pregunta no Parlamento sobre este servizo único en España
Mar pon en valor a capacidade operativa de Gardacostas de Galicia, referente na protección e a seguridade marítima e a loita contra o furtivismo
Os seus efectivos realizaron o pasado ano 9.760 inspeccións, atenderon 140 emerxencias, retiraron máis de 36.000 artes de pesca ilegais e comisaron máis 28.000 kg de peixe e marisco
A Xunta destina este ano 18,2 M€ ao seu funcionamento e preto de 3,5 M€ á renovación dos medios materiais
A Administración autonómica continúa avanzando na incorporación de novos profesionais para reforzar o operativo
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, destacou hoxe no Parlamento o papel esencial que desempeña o Servizo de Gardacostas de Galicia, un corpo único en España que constitúe un referente na protección do litoral, a seguridade marítima, a loita contra a contaminación e a defensa dos recursos mariños.
Na súa intervención, enmarcada na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, Barreiro lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cunha unidade destas características, operativa de maneira ininterrompida as 24 horas do día e os 365 días do ano, “e preparada para responder con rapidez e eficacia” ante emerxencias de busca e salvamento marítimo, episodios de contaminación e actuacións de inspección e control pesqueiro.
Así, durante o ano 2025, desenvolveu unha intensa actividade tanto no ámbito da inspección como no das emerxencias marítimas. No eido da protección dos recursos mariños realizou 9.760 inspeccións en todo o litoral galego e detectou 2.589 infraccións da normativa pesqueira. Ademais, foron retiradas máis de 36.000 artes de pesca ilegais ou sen identificar e incautáronse preto de 28.000 quilos de peixe e marisco capturados de maneira irregular.
En materia de seguridade marítima, o servizo atendeu 140 emerxencias, das que 90 corresponderon a operacións de busca e salvamento e 50 a actuacións de loita contra a contaminación mariña. Para estas intervencións mobilizáronse 51 operativos aéreos cos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 e 39 dispositivos marítimos mediante buques multipropósito e patrulleiras.
Un servizo dotado con medios especializados
Marta Barreiro subliñou que a capacidade de resposta de Gardacostas susténtase nunha ampla dotación de medios navais, aéreos e terrestres. Entre eles figuran tres buques multipropósito, nove patrulleiras, once embarcacións semirríxidas, dous helicópteros con base en Vigo e Celeiro e unha frota de vehículos e medios loxísticos que permiten actuar con rapidez en calquera punto da costa galega.
A Xunta continúa reforzando estes recursos cun investimento de 18,2 millóns de euros para o funcionamento do servizo durante este exercicio, ao que se suman preto de 3,5 millóns destinados á construción de dúas novas patrulleiras lixeiras e á adquisición de dous camións con grúa para mellorar a capacidade operativa.
Reforzo de persoal
Na actualidade, Gardacostas de Galicia conta con máis de 140 efectivos distribuídos entre os servizos centrais de Santiago de Compostela e nove bases operativas situadas en Celeiro, Ferrol, A Coruña, Muxía, Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo, o que lle permite manter unha presenza permanente en todo o litoral galego.
Neste contexto, a secretaria xeral Técnica explicou tamén que a Consellería do Mar continúa impulsando distintas medidas para reforzar o cadro de persoal, co fin de seguir velando pola seguridade nas rías galegas. Neste momento atópase na fase final o proceso selectivo para incorporar 23 novos patróns e mecánicos, mentres que a Oferta de Emprego Público de 2026 inclúe outras 22 prazas para a escala operativa. Paralelamente, avánzase na cobertura temporal de postos a través das listas de contratación.