O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, ratificou hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta coa sanidade ourensá
O Servizo Galego de Saúde salienta as medidas de apoio ás urxencias hospitalarias de Ourense, co reforzo con profesionais doutras áreas e a aprobación da lei que declara os postos de difícil cobertura
A Consellería de Sanidade anunciou esta semana a convocatoria este mesmo ano dun concurso de méritos para dar cobertura estable ás prazas de urxencias hospitalarias en Ourense
O xerente do Sergas destaca a revisión do plan funcional do Servizo de Urxencias, que permite axilizar a toma de decisións clínicas e reducir a presión asistencial
Subliña que a Xunta aprobou recentemente melloras para os facultativos de urxencias que suporán un incremento anual de arredor de 3.560 euros por profesional
Lembra que Galicia dispón hoxe de 149 prazas máis de médicos de urxencias hospitalarias que en 2024 e que recentemente se incorporaron 29 novos facultativos tras finalizar a súa formación especializada
Explica que Galicia está a formar aos primeiros especialistas en medicina de urxencias e emerxencias para garantir o relevo xeracional e a cobertura futura destes servizos
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, salientou, hoxe, no Parlamento de Galicia, as medidas adoptadas pola Xunta para reforzar as urxencias hospitalarias de Ourense.
Tal e como adiantou esta semana o conselleiro de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde convocará un concurso de méritos, antes de finais de ano, para dar cobertura estable ás prazas das urxencias hospitalarias de Ourense.
Durante a súa intervención, o xerente do Sergas apuntou que este “é un problema estrutural derivado das xubilacións, do incremento da demanda asistencial, do envellecemento da poboación e da escaseza de especialistas nalgunhas áreas clave”.
Do mesmo xeito, Luis León destacou a revisión realizada sobre o plan funcional do Servizo de Urxencias, unha importante actuación do Executivo galego na que participaron profesionais do propio servizo, e que permitirá revisar os fluxos de pacientes, os circuítos asistenciais e a coordinación entre servizos.
Neste senso, adoptáronse medidas organizativas, como o reforzo da garda da área médica, que permite mellorar a fluidez dos ingresos, axilizar a toma de decisións clínicas e reducir a presión asistencial sobre este servizo.
Melloras laborais e retributivas para o persoal facultativo
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o xerente do Sergas, lembrou que a Xunta aprobou recentemente importantes melloras para os facultativos de urxencias, que suporán arredor de 3.560 euros máis ao ano para cada profesional de urxencias hospitalarias.
Luis León explicou que actualmente, o Servizo Galego de Saúde conta con 149 prazas máis de médicos de urxencias hospitalarias que no ano 2024. Recentemente incorporáronse 29 novos facultativos a este servizo, tras finalizar a súa formación especializada.
Ademais, lembrou que Galicia xa está a formar aos primeiros especialistas en Medicina de Urxencias e Emerxencias co que garantirá o relevo xeracional e a cobertura futura das urxencias.