A Xunta destina case 400.000 euros para a recuperación do marisqueo en Pontedeume e prevé a sementeira de 1,8 M unidades de ameixa babosa
Este acordo suma á Confraría de Pontedeume ao plan extraordinario da Xunta para a recuperación dos bancos marisqueiros tras o período de baixa salinidade a comezos de ano
O documento recolle labores de acondicionamento, control de exóticas, ademais da recuperación doutras especies autóctonas
Pontedeume (A Coruña), 9 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Pontedeume, Diego Pérez, formalizaron o convenio de colaboración para a recuperación dos bancos marisqueiros da área de Pontedeume afectados polos temporais no inicio do ano que provocaron unha baixada de salinidade causando unha elevada mortaldade de bivalvos. Cun importe total de 398.531,49 euros, esta colaboración bilateral, coofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), apoiará o marisqueo local e reforzará a sustentabilidade e competitividade deste sector estratéxico.
O plan, que actuará sobre as zonas comprendidas entre as Puntas Magdalena e Macuca, involucrará á Confraría nas labores de acondicionamento do substrato, correspondentes aos bancos marisqueiros de Croa Pequena, Beirada Moteis, Croa Grande, Zopazos, Fabal, A Pillada-A Pia, Canle do Barco e Perejil. A preparación realizarase de maneira manual exceptuando as superficies de difícil manexo, nas que se empregará embarcación.
O proxecto destaca pola sementeira de 1,8 millóns de unidades de ameixa babosa nos bancos de Croa Pequena, Zopazos e A Pillada-A Pia; e de ameixa fina e ostra plana no banco Croa Grande, aínda que nesta última área as cantidades quedan á marxe da dispoñibilidade.
Para protexer o marisco autóctono e recuperar os hábitats mariños na área de Pontedeume, executarase un plan de actuación que conxugará a retirada e control da ostra rizada, e o traslado a zonas de preengorde de exemplares comerciais de ostra plana, ostra rizada e ameixas fina, babosa e xaponesa. Estas medidas complementaranse con accións formativas, vixilancias e mostraxes.