Máis de 200 rapaces desfrutarán este verán en Palas de Rei dos campamentos de deporte e aventura organizados pola Xunta

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou aos participantes na primeira quenda de actividades que se desenvolven nas instalacións dos Chacotes

Palas de Rei (Lugo), 9 de xullo de 2026

Un total de 240 rapaces e rapazas de 12 a 17 anos participarán este verán nos campamentos de deporte e aventura organizados pola Xunta nas instalacións dos Chacotes, en Palas de Rei. Durante os meses de xullo e agosto sucederanse catro quendas divididas por tramos de idade.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe este espazo, onde se está a desenvolver a actividade Multiaventura nos Chacotes, que comezou o 1 de xullo e finaliza mañá venres.

Nas vindeiras semanas, os rapaces e rapazas desfrutarán dunha ampla variedade de propostas nas sucesivas edicións dos campamentos. Entre elas figuran caiac, bicicleta BTT, escalada en rocódromo, láser tag, tiro con arco, técnica de vivac, slackline, triatlón e piscina. Tamén haberá excursións pola zona, nas que os nenos e nenas terán ocasión de visitar distintos lugares de interese como o castelo de Pambre.

Villares subliñou que esta programación ofrece aos rapaces a oportunidade de vivir un verán ao aire libre, con acceso a un completo programa de actividades de ocio educativo e saudable. Ao mesmo tempo, destacou que se trata dunha medida de conciliación moi demandada polas familias.                                                                

Campo de voluntariado

A Xunta tamén promove no mes de agosto en Palas de Rei o campo de voluntariado internacional Xuventude é Camiño, dirixido a 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.

Os participantes realizarán diferentes accións vinculadas á ruta Xacobea. Así,  proporcionarán información aos camiñantes, farán campañas de dinamización orientadas aos peregrinos, acondicionarán sendeiros ou traballarán na creación dun podcast sobre o Camiño en Palas de Rei, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2026