O presidente da Xunta asinou hoxe un convenio de colaboración neste sentido

Rueda avanza que Galicia será a Capital iberoamericana da gastronomía saudable ata 2027

Sinala que a cociña propia, e o seus produtos, son un dos mellores exemplos da Galicia Calidade

Reivindica a importancia deste recoñecemento na antesala do Xacobeo, no que se espera unha afluencia histórica de visitantes

Destaca que o 35% das persoas que se achegaron a Galicia o ano pasado citaron a gastronomía como un dos principais motivos para facelo

Madrid, 10 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que Galicia será a Capital iberoamericana da gastronomía saudable entre este ano e 2027, o que servirá para potenciar a cociña galega como un dos piares da actividade turística, da proxección exterior e da identidade propia da comunidade autónoma.

O titular do executivo autonómico asinou esta mañá un convenio de colaboración neste sentido co presidente da Academia Iberoamericana de Gastronomía, Rafael Ansón. Durante o tempo que dure a capitalidade, organizaranse diversos tipos de actividades como campañas de difusión, elaboraranse materiais como recetarios ou revistas, así como tamén se celebrarán concursos e congresos.

O obxectivo é poñer en valor a gastronomía propia, e os produtos do mar e da terra, como un dos mellores exemplos de Galicia Calidade, e difundir este atractivo, principalmente, entre os visitantes iberoamericanos. Galicia súmase así a outros lugares que xa desfrutaron deste recoñecemento en anos anteriores como Córdoba, Bos Aires, Lima, Lisboa ou Madrid.

Na súa intervención, Rueda destacou que con esta iniciativa dáse continuidade aos esforzos que está facendo a Xunta por consolidar a gastronomía como un dos piares do turismo, tal e como se recolle na Estratexia para o sector ata 2030. Así, recordou que o 35% dos viaxeiros que visitaron a comunidade autónoma o ano pasado citaron a gastronomía como un dos principais motivos para facelo; ou que a comunidade conta con 19 restaurantes con Estrelas Michelin e 49 establecementos recoñecidos con Soles Repsol.

Ademais, valorou a importancia de obter este recoñecemento na antesala do Xacobeo 2027, no que se espera unha afluencia histórica de visitantes -moitos, precisamente, procedentes de Iberoamérica-.

No acto tamén se rubricou o Manifesto da gastronomía saudable, un documento de 10 puntos no que se propón a visión de Galicia dunha cociña saudable e sustentable para o planeta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2026