A Xunta licita por máis de 20,8 M€ a subministración sucesiva de diversos medicamentos biolóxicos destinados ao tratamento de patoloxías complexas

O acordo inclúe a adquisición de fármacos para o tratamento de enfermidades onco-hematolóxicas, esclerose múltiple, doenzas inmunomediadas como a artrite reumatoide e diversas enfermidades raras

Trátase da primeira compra centralizada de cinco destes medicamentos, o que permitirá aforrar máis de 6,2 millóns cada ano

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 20 de agosto para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026

O Portal de Contratos Públicos da Xunta publica hoxe a licitación, por importe de 20.814.061,95 euros, a contratación da subministración sucesiva de 8 medicamentos biolóxicos destinados ao tratamento de patoloxías complexas que se tratan nos hospitais de día do Servizo Galego de Saúde.

O procedemento contempla a adquisición de tratamentos intravenosos indicados en diversas enfermidades de tipo oncohematolóxico, enfermidades inmunomediadas (como a enfermidade inflamatoria intestinal ou a artrite reumatoide), a esclerose múltiple e diferentes enfermidades raras, como a hemoglobinuria paroxística nocturna ou da Síndrome hemolítica urémica atípica, entre outras.

Distribuído en 8 lotes diferenciados por principio activo, o expediente inclúe a compra dos seguintes fármacos: Bevacizumab, Eculizumab, Infliximab, Natalizumab, Rituximab, Tocilizumab, Trastuzumab, Ustekinumab.

O contrato terá unha duración inicial de dous anos e poderá ser prorrogado ata un máximo de cinco anos, acadando neste caso un valor estimado de 54.036.507 euros (sen IVE).

O Servizo Galego de Saúde empregará a modalidade de compra centralizada, por primeira vez, en cinco destes medicamentos. Esta medida que, engadida á expiración de varias patentes e a entrada dos fármacos biosimilares no mercado, permitirá acadar un aforro de  6.201.681 euros ao ano (- 38 %). 

Máis alá do impacto económico, esta contratación ten como obxectivo principal asegurar a calidade asistencial.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 20 de agosto para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 10/07/2026