A Xunta licita por 1,15 M€ a mellora do saneamento na Illa de Arousa para dar servizo a case 5.500 habitantes
Os traballos inclúen a construción dunha nova rede de colectores de augas residuais e pluviais para transformar o sistema actual e reducir os alivios á ría de Arousa
Augas de Galicia aportará o 80% do financiamento e o concello o 20% restante no marco do convenio asinado entre ambas administracións a finais do ano pasado
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación pública por un importe de 1,15 millóns de euros (IVE incluído) a obra de mellora do sistema de saneamento da Illa de Arousa, que dará servizo a unha poboación de preto de 5.500 habitantes.
Os traballos incluídos no contrato consistirán principalmente na construción dunha nova rede de colectores de augas residuais e pluviais para transformar o sistema actual de saneamento nun modelo separativo de cara a reducir os alivios á ría de Arousa. Neste sentido, aínda que se levará a cabo no concello da Illa de Arousa, a execución desta obra beneficiará a toda a contorna.
Cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), o prazo de execución desta actuación é de oito meses e as empresas que estean interesadas en optar ao contrato terán ata o vindeiro 28 de xullo para poder presentar as súas ofertas por vía electrónica.
Cómpre lembrar que esta actuación se executa no marco do convenio asinado a finais de 2025 entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático —que aportará a través de Augas de Galicia o 80% do custo estimado desta actuación— e o Concello da Illa de Arousa —que achegará o 20% restante—.
A licitación desta obra, polo tanto, exemplifica o compromiso da Xunta de apoiar os concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de augas do xeito máis eficiente e garantindo o acceso da veciñanza a uns servizos básicos de calidade.