O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visitou os traballos no Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade de Vigo e no Colexio Rosalía de Castro do Grove

Román Rodríguez destaca o impulso este verán de obras de mellora en 364 colexios e institutos por 86,7 M€

Explica que son obras de construción, ampliación e mellora, o que inclúe 61 grandes actuacións que se inician agora ou nas que se avanza aproveitando as vacacións

Ao abeiro do Plan Ben_Estar, inclúense 329 intervencións de pequena e mediana envergadura, atendendo sobre todo ás reparacións tras os temporais do inverno

O investimento no Plan de nova arquitectura pedagóxica acadará a finais deste ano os 369 millóns de euros a través de 3.370 intervencións realizadas desde 2021

“Estas cifras dan conta do esforzo inversor da Xunta”, subliña o conselleiro, que volve reclamar ao Goberno central un plan estatal e a rebaixa do IVE destas obras

Vigo/O Grove (Pontevedra), 11 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia aproveita o período estival para intensificar as obras de mellora en colexios e institutos, que este ano chegan a total de 364 centros escolares e suman un investimento de 86,7 M€. Así o explicou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da súa visita a dúas destas obras: a rehabilitación do Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade en Vigo e a ampliación do Colexio Rosalía de Castro do Grove.

O titular de Educación subliñou o esforzo que está a realizar o Goberno autonómico en solitario coincidindo coa época no lectiva nos centros escolares para acondicionalos de cara á volta ás aulas en setembro. “O que facemos é aproveitar estes meses en todas as actuacións de dúas maneiras: desenvolvendo pequenas reparacións e avanzando de xeito máis intenso naquelas de maior envergadura, coma cambios de cubertas, ventás ou fachadas, que son máis complicadas de compatibilizar coa actividade lectiva”, explicou.

Ademais do esforzo de deseño e planificación dos traballos, Román Rodríguez destacou o “esforzo inversor” por parte da Xunta que, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta para a modernización dos colexios e institutos, leva dedicado uns 369 M€ en case 3.370 actuacións desde 2021. “Un esforzo que facemos sen apoio do Goberno central”, denunciou o conselleiro, que aproveitou para demandar de novo ao Executivo central “máis corresponsabilidade” coa creación dun plan estatal, pois moitos centros en España superan xa o medio século de antigüidade, e rebaixando o IVE destas obras, dúas reclamacións que Galicia puxo sobre a mesa sen resposta hai tempo.  

Distribución das obras

Do total das actuacións programadas para estes meses, 61 son grandes obras, cun investimento de 79,6 M€. Isto abrangue, por unha parte, 37 obras impulsadas desde a Consellería de Educación no que vai de 2026 por un importe de 21 M€, que consisten, fundamentalmente, en cambios de cubertas, dirixidos a mellorar a eficiencia enerxética dos centros, e instalacións de ascensores en prol dunha maior accesibilidade. Súmanse a elas 24 obras por 58,6 M€ procedentes de exercicios anteriores que, pola súa gran envergadura, contan cun prazo de execución superior a anualidade na que se iniciaron.

Por provincias, na da Coruña desenvolveranse na temporada estival 33 actuacións por importe de 38 M€, na de Lugo cinco obras por case 2,8 M€, na de Ourense tres intervencións cun orzamento de máis de 2,1 M€ e na de Pontevedra 20 por 36,6 M€.

Destacan dúas novas construcións: o IES Domingo Villar (Vigo, 17,8 M€) e o Colexio do Milladoiro (Ames, 11,6 M€). Tamén ampliacións como as dos centros integrados de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa, 3,7 M€), as dos institutos Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín, 3,3 M€), de Pastoriza (Arteixo, 2,1 M€), Muralla Romana (Lugo, 1,6 M€), Lamas de Abade (Santiago de Compostela, 1,4 M€) e de Curtis (1,3 M€), así como as dos colexios Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar, 1,9 M€) e Rosalía de Castro (O Grove, 1,7 M€).

Inclúense tamén neste paquete as rehabilitacións integrais dos centros integrados de FP Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña, 2,5 M€) e Leixa (Ferrol, 1,9 M€), dos institutos Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela, 1,8 M€), Sofía Casanova (Ferrol, 1,3 M€) e Manuel Murguía (Arteixo, 1,3 M€), así como as dos seguintes colexios: Pedro Barrié de la Maza (Sada, 1,6 M€), A Gándara (Narón, 1,4 M€), Plurilingüe Barrié de la Maza (Santa Comba, 1,3 M€), Plurilingüe Praia Xardín (Boiro, 1,1 M€), do Seixo (Marín, 1,1 M€), Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis, 1,1 M€) e O Areal (Camariñas, 1,1 M€).

Así mesmo, superan o millón de euros intervencións como a rehabilitación dos CIFP Valentín Paz Andrade (1,9 M€) e Manuel Antonio (1,5 M€), ambos en Vigo.

Cómpre salientar que boa parte destas actuacións están no seu tramo final de execución, polo que a previsión é rematar no verán e estean listas para o inicio do curso.

Plan Ben_Estar 2026

Ademais das devanditas grandes obras, a Consellería executa no verán accións de pequena e mediana envergadura que se enmarcan no Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar 2026. Trátase de actuacións moi necesarias, nas que este ano destacan moitas reparacións que é preciso realizar tras os temporais do pasado inverno e, de feito, moitas delas xa se foron executando nos últimos meses, en relación a arranxos en cubertas, canlóns ou fachadas. Ademais, inclúe traballos de pintura, pequenas reformas da instalación eléctrica, de fontanería, saneamento, baños, calefacción, melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamento de cociña ou adaptación de espazos, entre outros.

Neste caso, o departamento educativo da Xunta ten previsto un paquete de 329 obras por 7,2 M€. Na provincia de Coruña están previstas 162 actuacións cun importe de case 2,8 M€, na de Lugo 41 por case 772.000€, en Ourense 40 intervencións cun orzamento de máis de 842.000€ e en Pontevedra 86 melloras cun custo de case 2,8 M€.

A información detallada está dispoñible no dossier adxunto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2026