Román Rodríguez subliña o compromiso da Xunta coa mellora dos centros escolares en Vigo, onde este verán están en execución 20 obras con case 22,5 M€ de investimento
O conselleiro de Educación visita o Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade, onde o Goberno galego inviste case 1,9 M€ no cambio da cuberta e diferentes reformas
Vigo, 11 de xullo de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo hoxe en valor o compromiso da Xunta coa mellora dos centros escolares en Vigo, onde está a realizar este verán obras en 20 colexios e institutos por un importe de case 22,5 M€. Así pois, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, nesta cidade están en marcha seis grandes actuacións que suman más de 22 M€ e outras 14 reformas no marco co Plan Ben_Estar, que suman case 362.000€.
Precisamente, entre as grandes actuacións están en execución as obras de cambio da cuberta e melloras no Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade, que o conselleiro visitou esta mañá para comprobar o desenvolvemento coa previsión de que estean rematados en setembro. Trátase dunha actuación na que a Xunta inviste case 1,9 M€.
En canto ás grandes actuacións en marcha, o conselleiro salientou tamén a construción do IES Domingo Villar de Navia, un dos dous novos que se están a construír en Galicia neste momento (por case 17,8 M€), a reforma do CIFP Manuel Antonio (1,5 M€), a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral (495.000 €) e os cambios de cubertas no colexio Eduardo Pondal (147.0000 €) e de Coutada-Beade (185.000 €).
No que atinxe ás obras de reparación do Plan Ben_Estar, súmanse outras 14 actuacións cun investimento total de 362.000€. Trátase de melloras que van desde a fontanería á carpintería exterior, adaptación de ascensores, espazos infantís ou lucernarios e aseos, entre outros. Neste paquete figuran actuacións nos colexios de Chans-Bembrive, Fonte Escura, Mosteiro-Bembrive, Escultor Acuña, Plurilingüe de Sárdoma-Moledo, Plurlingüe Friáns-Teis, Plurilingüe Ramón y Cajal, Escola de Educación Infantil Monte do Alba e nos institutos Álvaro Cunqueiro, Carlos Casares, Castelao, de Beade, Ricardo Mella e Valadares.
Actuación na envolvente do Paz Andrade
No caso do CIFP Valentín Paz Andrade, a obra céntrase na renovación da envolvente, que abrangue cuberta, fachadas e fiestras. En concreto, múdanse 10.585 m² de cubertas do centro por unha nova cubrición de panel sándwich de chapa de aceiro con illamento térmico, cambiando tamén os canos e as baixantes. A intervención inclúe tamén a reparación dos 125 m² de fachadas en mal estado, aplicándolles illamento térmico tipo SATE, o cambio dos falsos teitos dos talleres, a instalación dun novo colector de pluviais e a substitución das carpinterías exteriores dos lucernarios do salón de actos por unhas novas de aluminio anodizado e dobre acristalamento climalit.