A Xunta dá por finalizada mañá domingo a alerta por posibles efectos da calor na saúde en toda Galicia

Nos vindeiros días entrará aire atlántico, máis fresco e húmido, o que fará que as temperaturas se suavicen notablemente

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2026

Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta dará por finalizado o episodio de calor a partir de mañá domingo.

Segundo a previsión de Meteogalicia, a partir de mañá e ao longo da vindeira semana, Galicia estará na influencia dunha baixa relativa localizada ao oeste da península Ibérica. Isto fará que a masa de aire cálido se desprace cara ao leste e que en Galicia entre aire atlántico, máis fresco e húmido, o que fará que as temperaturas se suavicen notablemente.

O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, está dispoñible nesta ligazón.               

Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.


Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.


Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.

Data de actualización: 11/07/2026