Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.30 h. de hoxe

Permanece activo, cunha evolución favorable, o incendio do concello lucense de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unhas 100 hectáreas e no que foi desactivada, de madrugada, a Situación 2

Segue activo o lume que afecta os municipios coruñeses de Vimianzo e Laxe, que empezou, respectivamente, nas parroquias de Salto e Nande e que acabou por unirse nun só incendio, con 165 ha afectadas e cunha evolución favorable

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.30 horas de hoxe.

A CORUÑA

Activo Vimianzo-Laxe

Os dous lumes iniciados por un lado na parroquia de Salto, no concello de Vimianzo (ás 20.16 horas de onte sábado) e por outra parte na parroquia de Nande, no limítrofe municipio de Laxe (ás 21.55 horas tamén de onte) acabaron por unirse e forman arestora un único incendio, que continúa activo, pero cunha evolución favorable. Segundo as últimas estimacións provisionais, en conxunto afecta unha superficie de arredor de 165 hectáreas. Para a extinción deste lume mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado e conxunto, 4 técnicos, 26 axentes, 30 brigadas, 29 motobombas, 5 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 1 avión.

LUGO

Activo Ribas de Sil-Soutordei. Desactivada a Situación 2

Permanece tamén activo, desde as 18.22 horas de onte sábado, o incendio do concello de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Neste lume, que arestora rexistra unha evolución favorable, foi preciso declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas, unha situación operativa que xa quedou desactivada esta madrugada. Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, de xeito acumulado, 2 técnicos, 19 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 5 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Data de actualización: 12/07/2026