Sada súmase á campaña de verán “Un alento de vida” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue
O municipio coruñés acadou en 2025, con 500 doazóns, un índice de participación de 29 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano
Unha unidade móbil de ADOS estará estacionada o martes 14 de xullo diante da Casa da Xuventude das 09:45 ás 14:30 e das 15:45 ás 21:00 horas
Ao redor de 170 concellos recibirán a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue co obxectivo de obter 400 doazóns diarias no período estival
Sada (A Coruña), 13 de xullo de 2026
O concello de Sada súmase á campaña de verán “Un alento de vida” que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante os meses de verán.
Así, e para facilitar a colaboración dos veciños e veciñas deste municipio, unha unidade móbil da Axencia estará estacionada o martes 14 de xullo diante da Casa da Xuventude das 09:45 ás 14:30 e das 15:45 ás 21:00 horas.
Esta iniciativa achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais do vindeiro mes de agosto, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue.
A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.
Colaboración fundamental
A campaña “Un alento de vida” lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
Elevar a participación
A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Sada que doan sangue.
Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, este municipio coruñés acadou, con 500 doazóns, unha taxa de 29 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que se atopa por baixo da media galega (39/1.000), polo que o obxectivo pasa por incrementar progresivamente a participación cidadá.
A Axencia convida á veciñanza de Sada a acudir a doar sangre, lembrando que pode participar calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.