O presidente da Xunta participou na sinatura do acordo coa corporación Hijos de Rivera, a primeira empresa coa que a Administración formaliza patrocinios para o Xacobeo 2027

Rueda reivindica a colaboración público-privada como o motor imprescindible para multiplicar o impacto cultural e social do vindeiro Ano Santo

Valora que a empresa cervexeira duplica a súa achega económica con respecto ao anterior Xacobeo, ata chegar aos 12 millóns de euros

Destaca o pulo empresarial en grandes citas musicais e festivais como unha garantía de éxito e un motor de cohesión que sitúa a comunidade como un escaparate internacional

Pon en valor o protagonismo da sociedade civil no deseño do evento a través das 56 iniciativas promovidas por cidadás e pemes para este ano ao abeiro do programa 'O Teu Xacobeo'

A Coruña, 14 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o modelo de colaboración público-privada como o motor imprescindible para multiplicar o impacto cultural e social do vindeiro Ano Santo. Neste sentido, salientou que a suma de esforzos co tecido empresarial non é unha mera fórmula de financiamento, senón unha garantía de éxito e un motor de cohesión que sitúa a comunidade como un escaparate internacional: “Sentir que estamos acompañados, que a colaboración público-privada plásmase en acordos como este, quere dicir que as cousas van ben e que imos ter un gran ano”, apuntou.

Así o destacou durante a sinatura do acordo de patrocinio coa corporación Hijos de Rivera de cara ao Ano Santo Xacobeo 2027. Trátase da primeira empresa coa que a Xunta formaliza os patrocinios para este Xacobeo 2027 e, con respecto ao anterior, a compañía duplica a súa achega ata acadar os 12 millóns de euros. A este respecto, o xefe do Executivo galego agradeceu a implicación da firma como embaixadora de excepción da marca Galicia Calidade e como exemplo de compromiso coa comunidade: “Cando todo era máis difícil, Estrella Galicia xa estaba alí. Apoiando non un proxecto da Xunta, senón de toda Galicia”, resaltou.

Neste sentido, puxo en valor o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027, ao cal se presentaron máis de 750 proxectos para o período 2026-2027 e 2028 que esperan obter financiamento das empresas colaboradoras para poder levarse a cabo.

Así mesmo, puxo o foco nas ferramentas postas en marcha pola Xunta para asegurar unha axenda cultural e artística que chegue a todas as vilas e parroquias galegas. Nese eido, celebrou os últimos resultados da convocatoria O Teu Xacobeo, mediante a cal o Goberno autonómico vén de dar luz verde a un total de 56 proxectos deseñados directamente por pemes, colectivos veciñais e entidades locais para enriquecer a oferta cultural desde o ámbito local: “O que queremos é que cada persoa que veña teña unha experiencia diferente. Que repitan. E que sintan a marca Galicia cando estean aquí”, resaltou o presidente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2026