A Xunta impulsa o festival de música clásica Bal y Gay, que traerá en agosto a Lugo a recoñecidos intérpretes internacionais
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, destacou hoxe na presentación o nivel dunha proposta que “atrae talento, descentraliza a cultura e crea novos públicos”
Foz (Lugo), 14 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia impulsa un ano máis o festival de música clásica Bal y Gay, que se desenvolverá entre o 5 e o 21 de agosto e inclúe no cartel a algúns dos máis recoñecidos intérpretes do panorama nacional e internacional. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou hoxe durante a presentación o extraordinario nivel da proposta que “atrae talento á provincia, descentraliza a cultura e crea novos públicos pola súa capacidade para emocionar”.
O Goberno galego asinou un convenio coa Fundación Xesús Bal y Gay para patrocinar esta décimo terceira edición, unha das máis ambiciosas da súa traxectoria. Villares felicitou ao presidente da entidade, Enrique Rodríguez Baixeras, e á directora do festival, Alba Rodríguez, “polo magnífico traballo e a planificación rigorosa, froito dunha enorme ilusión e dunha aposta decidida pola calidade”.
O festival segue a ter como marco principal espazos singulares da Mariña, pero por primeira vez programa un concerto en Lugo, o do pianista Grigori Sokolov o 9 de agosto no auditorio Fuxan os Ventos.
O primeiro dos 14 concertos previstos será o 5 de agosto coa agrupación Vox Luminis na Catedral de Mondoñedo, que tamén acollerá o 19 de agosto á Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias. Na basílica de San Martiño de Foz actuarán Antoine Tamestit -o día 8- e Samuel Hasselhorn -o 21-; no mosteiro de San Salvador de Lourenzá, Auxiliadora Toledano, e no auditorio Hernán Naval de Ribadeo, Yulianna Avdeeva. A programación completa pode consultarse na páxina web do festival.