Belén do Campo asiste aos espectáculos de maxia e música de Rois incluídos dentro do circuíto ‘Cultura no Camiño’

O calendario para as localidades das distintas rutas xacobeas desenvolvese desde o pasado 16 de xuño ao 31 de agosto a cargo de 147 compañías e grupos profesionais galegos

Cun investimento conxunto de Xunta e concellos de máis de 530.000 euros, a programación abrangue teatro, música, circo, maxia e danza desde localizacións maioritariamente ao aire libre e con espectáculos para todos os públicos

Rois (A Coruña), 14 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co alcalde da localidde, Ramón Tojo, asistiu esta mañá aos espectáculos “Ser diferente mola”, do ilusionista galego Jorge Lorenzo García, e de música e teatro “Comisión de festas”, de Brais das Hortas, incluidos dentro da a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude 

A proposta cultural “Ser diferente mola” vai dirixida ao público familiar na que a maxia, o humor e a participación do público se combinaron para transmitir unha mensaxe positiva arredor da diversidade e do respecto ás diferenzas. A través da ilusión e do entretemento, a función convidou aos asistentes a reflexionar sobre a importancia de aceptar e valorar a singularidade de cada persoa.

Por outra banda, no espectáculo “Comisión de Festas”, a música, o baile e a risa coa contínua interacción do público, transformou  o escenario nun campo da festa.

Etes dous eventos tiveron lugar no CEIP O Pumar en Urdilde e no CPI Dos Dices de Rois.

As iniciativas encaixan na aposta da Xunta de Galicia por promover actividades culturais que, ademais de ofrecer lecer de calidade, contribúan á educación en valores e á convivencia. Neste sentido, “Ser diferente mola” utiliza a linguaxe universal da maxia para achegar ao público unha mensaxe de inclusión, igualdade e respecto, especialmente entre os máis novos.

O calendario de  Cultura no Camiño para este ano ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas e comezou o pasado 16 de xuño e rematará o 31 de agosto. A programación recolle actuacións en 31 concellos da Coruña, cun cento de actividades. 

Impulso á contratación galega

Cultura no Camiño ten como obxectivo dinamizar a oferta cultural e de lecer nos municipios das rutas xacobeas durante os meses de maior afluencia de visitantes, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos galegos de artes escénicas e musicais. Nesta edición, o investimento da Xunta ascende a 223.500 euros, aos que se lles engaden 309.429 euros achegados polos concellos participantes.

A través desta liña, a Axencia Galega das Industrias Culturais cofinancia a contratación de producións profesionais incluídas no catálogo específico dispoñible na plataforma galescena.gal. As entidades locais confeccionaron cadansúa programación a partir desta oferta, que permite achegar ao público propostas de diferentes formatos e para públicos diversos, desde concertos e espectáculos familiares ata montaxes de teatro, circo, maxia ou danza, programados a meirande parte deles en espazos ao aire libre para saír ao encontro tanto do público local como do visitante.

A nova edición dálle continuidade a un programa que vén revalidando nos últimos anos o seu papel como ferramenta de dinamización cultural ao pé do Camiño de Santiago e que na súa pasada edición congregou máis de 38.000 persoas asistentes. 

Data de actualización: 14/07/2026