A Xunta destaca a remodelación e ampliación do pavillón polideportivo municipal San Marcos de Abegondo como unha actuación estratéxica para o deporte na comarca
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as actuacións que se están a levar a cabo no recinto cunha achega de 700.000 euros do Goberno galego a través da liña de apoio a proxectos estratéxicos da convocatoria do ano pasado
As obras permitirán ampliar os espazos deportivos, renovar vestiarios e aseos, mellorar a accesibilidade e incrementar a eficiencia enerxética das instalacións
A orde deste ano incrementa o orzamento ata os 10M€ no marco das achegas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local respecto aos 8M€ das dúas convocatorias anteriores, que supuxeron unha vintena de iniciativas beneficiarias en cada edición
Abegondo (A Coruña), 16 de xullo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o pavillón polideportivo municipal de San Marcos para comprobar o resultado das actuacións de remodelación e ampliación que se están a realizar nestas instalacións deportivas. A Xunta destina a esta iniciativa máis de 700.000 euros a través do apoio a proxectos estratéxicos da convocatoria de 2025, no marco do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL).
Esta actuación forma parte da vintena de proxectos carácter estratéxico apoiados pola Xunta na convocatoria de 2025 e no exercicio anterior financiáronse case outra vintena de proxectos. En cada unha das dúas anualidades, o orzamento superou os 8 millóns de euros, o que supuxo un investimento acumulado en dous anos de máis de 16 millóns de euros en case 40 proxectos estratéxicos nos municipios da comunidade.
Na convocatoria deste 2026, publicada a comezos do pasado maio, a contía incrementouse ata os 10 millóns de euros, consolidando esta liña como un instrumento fundamental para os concellos galegos.
No caso de Abegondo, cómpre aclarar a relevancia desta actuación, xa que, ao igual que os proxectos estratéxicos apoiados nas distintas convocatorias, o seu impacto transcende o ámbito municipal e beneficia outros concellos da contorna. De feito, esta orde busca impulsar iniciativas que melloren os servizos municipais e teñen unha repercusión supramunicipal ou comarcal co obxectivo de contribuír a transformar de maneira transversal ámbitos como a economía, o turismo, o medio ambiente ou, como neste caso, o deporte.
As obras que se están a executar no pavillón San Marcos permitirán mellorar e ampliar o pavillón para dotar ás persoas usuarias dunhas instalacións adecuadas nas que realizar actividade física. Entre as actuacións que se están a levar a cabo destacan a ampliación do ximnasio, que duplicou a súa superficie, así como das salas destinadas ás actividades deportivas ou da aula lúdica. Ademais, renovarase o pavimento de madeira da pista deportiva principal, reformaranse os vestiarios e aseos e mellorarase a accesibilidade mediante coa colocación dunha rampla na zona da piscina e a instalación dun ascensor, ao mesmo tempo que se adecuará un xa existente. Co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética da instalacións, prevense melloras na envolvente térmica, coa incorporación de sistemas de ventilación con recuperación de calor e coa colocación dunha bomba de calor para a climatización da auga quente.
Diego Calvo puxo en valor a importancia de actuacións deste tipo para fomentar a práctica de deporte e de actividade física entre a poboación e o compromiso da Xunta para dotar ás entidades locais e deportivas de infraestruturas axeitadas. Neste sentido, cómpre lembrar que Abegondo foi un dos dous concellos galegos, xunto con Arteixo, nos que a Xunta puxo en marcha en 2022 como experiencia piloto o programa Adestra a túa saúde, destinado a mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos mediante a prescrición de exercicio físico desde os centros de saúde en instalacións coma este pavillón. O éxito da iniciativa permitiu estendela o ano pasado a unha vintena de concellos galegos.
O conselleiro incidiu no compromiso da Xunta cos concellos galegos, xa que só o ano pasado o apoio do Goberno galego permitiu impulsar preto dun milleiro de proxectos mediante as diferentes liñas específicas de colaboración coas entidades locais. No caso de Abegondo, a achega de 700.000 euros do Goberno galego neste proxecto estratéxico intégrase nos máis de 1,4 millóns de euros investidos no municipio nos últimos anos a través das distintas medidas e liñas de apoio ao eido local.