A Xunta licita por 328.830 € a adquisición de dous arcos de radioloxía portátiles con destino ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
O novo equipamento posibilitará incorporar técnicas de implantación de dispositivos cardíacos, a realización de procedementos de cardioversión eléctrica ou a colocación de drenaxes e próteses
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 10 de agosto para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026
A Xunta publica hoxe, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, o expediente de licitación, por un importe de 328.830 euros, para a adquisición de dous arcos de radioloxía con destino ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Con este procedemento, distribuído en dous lotes, a Xunta renovará o equipamento do hospital ourensán co obxectivo de ofrecer os mellores servizos aos pacientes.
Este equipamento permitirá incorporar técnicas como implantación de dispositivos cardíacos para a diagnose e tratamento das arritmias, a implantación de marcapasos temporais ou procedementos de cardioversión eléctrica, entre outros.
Tamén optimizará procedementos como a colocación de drenaxes, próteses ou sondas, a colocación de stents en condutos biliares ou a extracción de cápsulas endoscópicas.
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 10 de agosto para presentar as súas ofertas.