A Unidade de Policía Nacional Adscrita e Gardacostas de Galicia comisa 13 quilos de percebe na Coruña
No marco dun operativo contra o furtivismo levado a cabo na costa da cidade da Coruña, os axentes identificaron 3 persoas e tramitaron outras tantas denuncias por infraccións da Lei de Pesca de Galicia
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2026
Axentes do Equipo de Resposta Policial (Erpol) da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) e efectivos do servizo de Gardacostas de Galicia levaron a cabo, en colaboración coa confraría da Coruña, un dispositivo contra a extracción ilegal de recursos mariños na costa da cidade da Coruña, que se saldou co comiso de 13 quilos de percebe.
No marco deste operativo, desenvolvido a principios deste mes de xullo, os axentes tramitaron 3 denuncias por infracción da Lei de Pesca de Galicia logo de identificar outras tantas persoas realizando labores de extracción furtiva en zonas rochosas do litoral para dirixirse posteriormente coa mercancía a un establecemento dedicado á venda de produtos do mar.
Este operativo enmárcanse no reforzo realizado pola UPA, en colaboración coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores, no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias.