Villaverde recibe aos promotores do proxecto 'Eskalium' para coñecer a súa iniciativa de transformar escamas de peixe en baldosas sostibles

A conselleira do Mar reuniuse cos alumnos de FP do CPR Nebrija Torre de Hércules da Coruña que deseñaron este innovador modelo de economía circular recoñecido a nivel nacional e europeo

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, recibiu ao equipo de estudantes do CPR Nebrija Torre de Hércules da Coruña que desenvolve o proxecto Eskalium. No encontro, a responsable autonómica puido coñecer polo miúdo esta innovadora iniciativa ecolóxica que permite dar unha segunda vida ás escamas de peixe desbotadas nas prazas de abastos, transformándoas en pezas lixeiras, impermeables e de alta resistencia destinadas ao sector da construción sostible.

Villaverde felicitou persoalmente aos creadores do proxecto —Álex Pernas, Carmen Pastoriza e Diego Cayazzo— así como á súa mentora, a profesora Montse López, pola consecución dunha idea escolar con base científica que converte un residuo orgánico en recursos con valor engadido. A titular de Mar destacou o gran potencial desta iniciativa de economía circular vinculada directamente co reto do mar, que se nutre do subministro de mercados locais coruñeses coma os de Lugo ou As Conchiñas, e que xorde do talento e a proactividade que se está a xerar nos centros de Formación Profesional de Galicia.

Así mesmo, a conselleira valorou a traxectoria de Eskalium ao longo de 2026, ano no que acadou un gran recoñecemento no ecosistema emprendedor tras coroarse gañador da Competición Nacional de Emprendemento da Fundación Junior Achievement e representar a España no festival europeo Gen-E celebrado en Riga (Letonia). A responsable autonómica subliñou a importancia de apoiar o talento mozo e as propostas que, coma esta, se aliñan cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e coa procura de solucións innovadoras para o aproveitamento integral e responsable dos produtos do mar.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/07/2026