Villaverde asiste á poxa de bonito e pescada na lonxa de Burela e destaca a importancia de promocionar o consumo de peixe e a cultura mariñeira

A conselleira tamén asistiu á presentación da 40° edición da Feira do Bonito e á 24ª edición de Produart

Burela (Lugo), 22 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu, a primeira hora de hoxe, á poxa de bonito e de pescada na lonxa de Burela, xestionada por ABSA (Armadores de Burela S.A.).

Villaverde destaca a importancia desta frota para a Mariña lucense e, por extensión, para toda Galicia, polas particularidades das súas capturas, realizadas con artes tradicionais máis respectuosas co medio ambiente e mariño. Salientou que a frota boniteira pode considerarse “a precursora dun xeito de faenar que, cada vez máis, demandan os consumidores”, con capturas máis sostibles o e poñendo en valor a calidade das materias primas.

Na rula burelá, a conselleira puido comprobar a axilidade do proceso, que se realiza cun sistema informatizado que permite aos compradores interesados deter o prezo dos lotes desde os seus mandos ou dispositivos móbiles.

Presentación da Feira do Bonito e de Produart

En relación coa especie por excelencia da frota burelá, a conselleira do Mar tamén asistiu en Burela a presentación da XL Feira do Bonito e á XXIV Feira Produart dos produtos do mar, artesanais e ecolóxicos. Alí exemplificou nestes dous eventos tan recoñecidos a importancia de promocionar o consumo de peixe e a cultura mariñeira das vilas do noso litoral.

Villaverde salientou que a Feira do Bonito e Produart son “un gran escaparate para estes produtos que, ademais, ao facelas coincidir nas mesmas datas, compleméntanse entre así, converténdose “nun importante motor de dinamización local, atractivo turístico e cohesión comunitaria”, tanto para Burela como, en xeral, para toda a comarca da Mariña lucense.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/07/2026