A Xunta e a Fundación Rof Codina alíanse para impulsar un proxecto para ampliar o coñecemento sobre nutrición, seguridade alimentaria e produtos do mar

O estudo, dotado con case 650.000 €, avaliará alimentos de especial interese como determinadas especies de túnidos, cuxa composición nutricional ofrece un modelo especialmente relevante para a análise destes compostos

A investigación estará liderada polo grupo FARMATOX da USC, dirixido polo catedrático de Farmacoloxía Luis Miguel Botana, un dos grandes referentes internacionais en toxicoloxía e seguridade alimentaria

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defende a aposta por investigacións con selo galego para combater a desinformación e dotalos de evidencia científica que reforce as recomendacións nutricionais sobre a dieta mariña

Lugo, 22 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe xunto co xerente da Fundación Rof Codina -responsable do Hospital Veterinario Universitario de Lugo-, Antonio González Cantalapiedra, un convenio de colaboración para impulsar un proxecto científico-técnico punteiro que afondará no coñecemento sobre a nutrición, a seguridade alimentaria e os produtos do mar. Avaliará alimentos de especial interese como determinadas especies de túnidos, cuxa composición nutricional ofrece un modelo especialmente relevante para a análise destes compostos.

Durante o acto, a titular de Mar defendeu a aposta decidida da Xunta pola investigación independente e con selo galego como a mellor ferramenta para reforzar o coñecemento sobre os produtos pesqueiros e protexer a confianza dos consumidores. O estudo será desenvolvido polo grupo FARMATOX da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un equipo creado en 1999 e liderado polo catedrático de Farmacoloxía Luis Miguel Botana, unha das figuras internacionais máis recoñecidas no eido da seguridade alimentaria e a toxicoloxía.

A iniciativa contará cun investimento total de 648.775,60 euros, repartido ao 50 % pola Fundación Rof Codina e pola Consellería do Mar, que cofinanciará unha parte a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Estenderase ata maio de 2027. O equipo empregará metodoloxías científicas recoñecidas internacionalmente para analizar a interacción entre micronutrientes esenciais presentes de forma natural nos produtos mariños, como o selenio, e diversos procesos biolóxicos clave como a resposta inflamatoria e o estrés oxidativo.

A Xunta busca obter datos propios e rigorosos para orientar as políticas públicas, adiantarse a riscos emerxentes e deseñar recomendacións nutricionais baseadas na estrita evidencia científica. Deste xeito, contribuirase a actualizar protocolos, informar con rigor á cidadanía e favorecer a transferencia directa do coñecemento académico ás normativas alimentarias a escala autonómica, nacional e europea.

Combater a desinformación

A conselleira destacou que “a industria conserveira e o complexo mar-industria de Galicia son piares esenciais da nosa economía que cumpren de xeito estrito coas máximas esixencias de calidade e seguridade”. “Coa ciencia de vangarda como aliada, debemos combater a desinformación e evitar alarmismos innecesarios que prexudiquen sen base científica a confianza nos nosos produtos do mar”, engadiu.

A investigación adquire unha relevancia estratéxica nunha comunidade como Galicia, líder europea en transformación e conservación de produtos do mar e con máis do 50 % da facturación nacional de produtos conxelados. O conxunto da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a industria transformadora xeran máis de 50.000 empregos na comunidade, o que supón máis da metade do emprego marítimo-pesqueiro de España e o 10 % de toda a Unión Europea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026