O conselleiro de Sanidade asinou con seis asociacións convenios de colaboración para o desenvolvemento de programas de incorporación social para pacientes con trastornos adictivos
Gómez Caamaño pon en valor o traballo das entidades que asisten a preto de 1.600 persoas con adiccións, cun apoio da Xunta que este ano acada os 312.000 euros
Subliña que a atención ás adiccións debe ir máis alá da asistencia sanitaria e considera que a recuperación tamén precisa apoio social, orientación, acompañamento e oportunidades de integración
Remarca os máis de 8 M€ que a Xunta destina a financiar o labor de asistencia das entidades que centran a súa actividade na atención das drogodependencias e doutras adiccións
Refire medidas pioneiras tomadas pola Xunta como a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas ou a integración no Servizo Galego de Saúde das 13 unidades municipais de atención á drogodependencia
Incide en que a Xunta seguirá a reforzar a colaboración con estas entidades, xa que o traballo conxunto entre o sistema sanitario público e o tecido asociativo é a mellor garantía para ofrecer unha atención integral ás persoas con trastornos adictivos
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor o traballo das entidades que asisten a preto de 1.600 persoas con adiccións, 1.247 homes e 341 mulleres, cun apoio da Xunta que este ano acada os 312.000 euros.
O titular da carteira sanitaria asinou os correspondentes convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e as entidades privadas sen ánimo de lucro Aliad-Ultreia, Antonio Noche, Renacer, Rexurdir, Vieiro e Érguete, que desenvolven programas de incorporación social para pacientes con trastornos adictivos. No acto tamén participou a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz.
Gómez Caamaño considera fundamental o labor destas entidades á hora de complementar a atención sanitaria por iso lle trasladou o recoñecemento e agradecemento da Xunta polo valioso traballo que realizan.
Tal e como destacou o conselleiro, a atención ás adiccións debe ir máis alá da asistencia sanitaria e considera que a recuperación tamén precisa apoio social, orientación, acompañamento e oportunidades de integración.
Colaboración estable
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que os convenios hoxe asinados consolidan unha colaboración estable e reforzan o compromiso da Xunta con estas seis asociacións, xa que o Executivo galego incrementa nun 2 % o importe respecto do acordo anterior.
Este apoio súmase aos máis de oito millóns de euros que a Xunta destina a financiar o labor de asistencia doutras entidades que centran a súa actividade na atención das drogodependencias e doutras adiccións.
O compromiso do Goberno galego complétase con medidas como a entrada en vigor en marzo da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, norma pioneira que sitúa Galicia á vangarda de Europa; ou coa integración no Servizo Galego de Saúde, desde xaneiro deste ano, das 13 unidades municipais de atención á drogodependencia, avanzando deste xeito cara a un modelo asistencial máis coordinado e reforzado.
O titular de Sanidade sinalou que a Xunta seguirá a reforzar estas colaboracións, posto que o traballo conxunto entre o sistema sanitario público e o tecido asociativo é a mellor garantía para ofrecer unha atención integral ás persoas con trastornos adictivos e avanzar na súa inclusión social.
Gómez Caamaño incidiu en que a mellor atención ás adiccións é aquela que combina prevención, asistencia sanitaria e apoio social.