A Xunta convoca 11 M€ para os programas integrados de emprego 2026-2027 apostando polo reforzo laboral de eidos estratéxicos como os servizos sociais
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria, que eleva o seu orzamento máis dun 7 % con respecto ao ano pasado co obxectivo de impulsar 50 PIE de 12 meses que beneficiarán unhas 4.700 persoas desempregadas
O prazo de solicitude arranca mañá e prolongarase deica o próximo 24 de agosto
Entre as novidades da orde, que combina orientación, formación e posibles prácticas non laborais en empresas —priorizando os sectores estratéxicos—, resérvase 1 M€ para programas dirixidos a persoas en situación ou risco de exclusión social
Poderán acceder a esta reserva unicamente as entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, con proxectos de 60 persoas que manterán o compromiso xeral mínimo de inserción laboral dun 35 % dos participantes
Desde o ano 2009, participaron unhas 67.000 persoas nestes programas cun investimento superior aos 130 millóns de euros
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde 2026-2027 dos programas integrados de emprego, que elevan o seu orzamento a 11 M€ co obxectivo de impulsar 50 PIE de 12 meses de duración en beneficio dunhas 4.700 persoas. Cunha suba orzamentaria superior ao 7 % con respecto ao ano pasado, búscase así consolidar a formación e orientación para o emprego co foco posto na creación de postos de traballo de calidade dando cobertura ás vacantes laborais existentes en sectores e contornas concretas.
A convocatoria bianual volve estar dirixida a entidades locais, con 4,4 M€ de orzamento, e para as entidades sen ánimo de lucro, ás que se destinan 6,6 M€. Desta segunda epígrafe, e como novidade, resérvase 1 M€ para programas destinados a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, á que só poderán acceder as entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade, con carácter previo á publicación da convocatoria. Polo demais, volven reservarse 2 M€ para programas dirixidos en exclusiva a mulleres desempregadas e outros 2 M€ para persoas maiores de 52 anos.
Estes programas nos que participaron unhas 67.000 persoas cun investimento superior aos 130 M€ desde o ano 2009 combinan orientación, asesoramento, formación teórico-práctica de calidade —dentro das categorías incluídas no Catálogo de Especialidades do Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) —, e a posibilidade de realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, valorándose os proxectos innovadores, con formación en especialidades relacionadas con sectores estratéxicos ou cun alto nivel de inserción e iniciativas pegadas ao territorio.
Cada programa integrado de emprego estará formado por 100 ou 60 persoas en paro (segundo sexa un PIE tradicional ou dos novos que se incorporan para entidades prestadoras de servizos sociais), con especial atención a colectivos prioritarios e establecendo que un mínimo do 35 % dos participantes deberán ser inseridos no mercado laboral durante a execución do proxecto.
Como novidades a maiores, redúcese a documentación necesaria no proceso de solicitude, aumenta o importe global máximo subvencionable por PIE —de 220.000 a 230.00 €— e tamén a porcentaxe de imputación do persoal propio da entidade ao programa —do 80 ao 100 % do salario deste persoal— e a porcentaxe de subcontratación das actividades de formación —dun 30 a un 40 %—.
Por último, cómpre sinalar que o prazo de solicitude arranca mañá, día seguinte ao da publicación no DOG, e prolongarase durante un mes, deica o próximo 24 de agosto.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260724/AnuncioG0767-090726-0002_gl.html