A Xunta impulsa un concurso de ideas para aplicar solucións innovadoras baseadas en xemelgos dixitais ao medio rural e ao turismo

As propostas, que se poden presentar ata o 7 de setembro, teñen que estar orientadas á xestión intelixente e sostible do territorio e dos fluxos turísticos

Poderán participar pemes, centros tecnolóxicos e centros ou grupos de investigación

Seleccionaranse seis ideas finalistas, tres por cada ámbito temático, das que sairán dous proxectos gañadores

O concurso forma parte do proxecto de aceleración do ecosistema galego de innovación en xemelgos dixitais, financiado polo programa RETECH con fondos Next Generation EU

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha un concurso de ideas destinado a identificar solucións innovadoras baseadas en tecnoloxías de xemelgo dixital que contribúan a unha xestión máis intelixente, eficiente e sostible do territorio galego. A iniciativa céntrase en dous ámbitos estratéxicos para Galicia: o medio rural e o turismo.

O obxectivo da convocatoria é conectar empresas, centros tecnolóxicos, grupos de investigación e administracións para promover propostas que poidan evolucionar posteriormente cara a proxectos piloto, aproveitando as capacidades da Plataforma Territorio Intelixente da Xunta de Galicia. As solucións deberán empregar tecnoloxías propias dos xemelgos dixitais, como a integración de datos en tempo real, sensórica, intelixencia artificial ou información xeográfica para mellorar a toma de decisións sobre o territorio. O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto entre hoxe e o 7 de setembro a través da Sede electrónica da Xunta. Pódese consultar toda a información na páxina web do proxecto.

Xestión intelixente do territorio e dos fluxos turísticos

No ámbito do medio rural, búscanse iniciativas orientadas á planificación intelixente do territorio mediante o uso integrado de datos ambientais, produtivos, climáticos ou forestais. Entre outras cuestións, poderán abordarse solucións relacionadas coa recuperación de terras agrarias, o control de especies invasoras, a xestión intelixente da auga, a planificación de cultivos, a trazabilidade alimentaria ou as comunidades enerxéticas rurais.

Pola súa banda, no ámbito turístico, o concurso busca  impulsar ferramentas que permitan anticipar fluxos de visitantes, optimizar a planificación de servizos e infraestruturas ou mellorar a experiencia turística mediante a análise integrada de datos territoriais, meteorolóxicos, de mobilidade ou ocupación. Entre as posibles aplicacións inclúense a modelización do fluxo de peregrinos no Camiño de Santiago, a monitorización da ocupación dos albergues ou a caracterización sociodemográfica dos visitantes.

Finalistas e gañadores

Como resultado do concurso seleccionaranse seis propostas finalistas, tres por cada ámbito temático. Entre elas, o xurado elixirá unha proposta gañadora de medio rural e outra de turismo. Ademais da visibilidade institucional que recibirán as iniciativas seleccionadas, as ideas gañadoras poderán desenvolverse nunha fase posterior como proxectos piloto.

Poderán participar pemes, centros tecnolóxicos e centros ou grupos de investigación que cumpran os requisitos establecidos nas bases da convocatoria, publicada na web da Amtega. As propostas valoraranse atendendo á súa adecuación ao modelo de xemelgo dixital e administración orientada ao dato, o seu carácter innovador, a viabilidade técnica e económica e a súa capacidade de replicación noutros ámbitos ou territorios.

Esta convocatoria enmárcase no proxecto Aceleración de Ecosistemas de Emprendemento e Innovación baseados en Xemelgos Dixitais, desenvolvido pola Amtega dentro do programa Redes de Especialización Tecnolóxica Territorial (RETECH), impulsado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation EU.

Data de actualización: 24/07/2026