A Xunta apoia unha nova edición de Equiocio como referente da hípica e do lecer familiar
O secretario xeral para o Deporte participou na presentación deste certame, que se celebrará do 6 ao 9 de agosto en Ferrol, e resaltou a hípica como deporte igualitario
Ferrol, 28 de xullo de 2026
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na presentación do certame hípico Equiocio 2026, que se desenvolverá do 6 ao 9 de agosto no Campo das Cabazas de Covas, en Ferrol.
Durante a súa intervención, Roberto García salientou que a hípica é o único deporte olímpico no que mulleres e homes compiten en igualdade de condicións, unha realidade que, segundo indicou, tamén se reflicte en Galicia, onde a maior parte das preto de 5.000 licenzas federativas corresponden a mulleres. Ademais, destacou o compromiso da Xunta co deporte de base a través da continuidade da hípica no programa Xogade, que ofrece seguro deportivo gratuíto aos rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.
O secretario xeral lembrou a consolidación de Equiocio como unha cita de referencia que combina a competición hípica co lecer familiar, a promoción da actividade física e o respecto pola contorna natural, reunindo cada ano milleiros de visitantes. Neste sentido, reiterou a vontade da Xunta de seguir impulsando un deporte que fomenta valores como a igualdade, a responsabilidade, a empatía, a constancia e o respecto polos animais.