Celeiro acolle a xornada ‘Europa ao servizo das empresas de Galicia’ para aproximar os recursos comunitarios ao sector do mar galego

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este encontro informativo co que se busca facilitar ao empresariado o acceso ao asesoramento e ás ferramentas da UE para impulsar a innovación, a internacionalización e a competitividade

A cita reuniu a representantes institucionais e do tecido empresarial en torno a redes europeas como a Enterprise Europe Network e programas como Erasmus para Mozos Emprendedores

A conselleira volveu reclamar un fondo financeiro específico potente para o mar no orzamento comunitario 2028-2034, na liña do actual FEMPA, e maior simplificación burocrática na Política Pesqueira Común

Viveiro (Lugo), 28 de xullo de 2026

O Porto de Celeiro acolleu hoxe a xornada Europa ao servizo das empresas de Galicia: innovación, internacionalización e competitividade, un evento concibido como un punto de encontro estratéxico para achegar ao sector do mar galego todos os recursos, programas e servizos de apoio que a Comisión Europea pon á súa disposición.

A apertura institucional estivo a cargo da conselleira do Mar, Marta Villaverde, que estivo acompañada pola directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, que participou nunha das mesas de traballo. A iniciativa, organizada por Porto de Celeiro, Eurochambres, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Uninova, Asime e as Cámaras de Comercio de Lugo e Santiago, permitiu amosar o traballo conxunto que realizan as redes europeas de información para facilitar ás pemes a resolución de trámites e a apertura de novos mercados.

O encontro reservou un espazo central de reflexión arredor do sector marítimo-pesqueiro. Nese marco celebrouse a mesa redonda O futuro do mar e a pesca en Europa, Nela, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, trasladou as principais observacións e achegas da Consellería do Mar á UE no marco da Visión 2040. Nesa liña, abordou as necesidades de mellora e reforma do FEMPA, a urxencia de revisar o modo de medir a capacidade pesqueira na Política Pesqueira Común (PPC) e a necesidade de que a transición enerxética se adapte á realidade do sector, garantindo sempre a igualdade de condicións (level playing field) para asegurar a competitividade das empresas galegas.

Pola súa parte, a directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, detallou as posibilidades que ofrece Europa para as pemes galegas en materia de innovación e internacionalización, tanto de financiamento como na procura de posibles socios ou consorcios. “Europa ten que ser próxima, útil e accesible para o noso ecosistema de I+G+i e, en especial, para o tecido empresarial”, expresou Cotelo.

Demandas da Xunta a Bruxelas

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, aproveitou a celebración do foro para subliñar a importancia de que a voz de Galicia e das súas empresas se faga oír nos grandes debates que se están a decidir actualmente en Bruxelas. Nese sentido, reiterou a esixencia de que a negociación do futuro Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 manteña un instrumento financeiro específico e potente para o sector pesqueiro e acuícola, na liña do actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Segundo remarcou a titular autonómica, este fondo debe contar con recursos suficientes que cheguen de xeito áxil e directo aos armadores e profesionais para abordar retos urxentes como a descarbonización da frota, a renovación de buques e a modernización de infraestruturas. Así mesmo, en relación co proceso de revisión da PPC, Villaverde defendeu unha simplificación burocrática real que elimine trabas administrativas e que teña en conta a perspectiva das rexións periféricas marítimas, garantindo un equilibrio efectivo entre os criterios sociais, económicos e medioambientais para protexer un sector que é clave para a soberanía alimentaria europea.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/07/2026