O comisario do Xacobeo 2027 participou esta mañá na presentación da 23ª edición do festival, no recinto de As Lagoas, en Bueu, onde terá lugar a cita
Unha nova edición do Sonrías Baixas converte Bueu co apoio da Xunta nun dos epicentros musicais do verán
O festival celébrase do 30 de xullo ao 1 de agosto cun cartel que combina grandes nomes do panorama estatal, talento emerxente e unha firme aposta pola diversidade musical
La M.O.D.A., La Pegatina, Zahara Rave, Biznaga, Alcalá Norte, Veintiuno, Barry B. e Ultraligera encabezan un cartel que reforza a identidade plural e innovadora da cita
Bueu (Pontevedra), 29 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e no marco dos Concertos do Xacobeo, apoia unha nova edición do SonRías Baixas, que se celebrará desde este xoves, 30 de xullo, ao 1 de agosto no recinto de As Lagoas, en Bueu, consolidado como un dos festivais de referencia do verán galego e do noroeste peninsular.
O evento reunirá durante tres xornadas algunhas das propostas máis destacadas da música estatal actual, cun cartel encabezado por La M.O.D.A., La Pegatina, Zahara Rave, Biznaga, Alcalá Norte, Veintiuno, Barry B. e Ultraligera, xunto a numerosos artistas emerxentes e propostas galegas que reforzan a identidade plural e innovadora do festival.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, salientou que "SonRías Baixas exemplifica o modelo de festival polo que apostamos desde Concertos do Xacobeo: unha proposta de calidade, cunha personalidade propia, que combina artistas consolidados e novos talentos e que contribúe a situar Galicia como un destino cultural de referencia durante todo o ano”.
Nesta liña, destacou que "o apoio da Xunta a iniciativas como SonRías Baixas responde ao compromiso de impulsar eventos capaces de xerar un impacto positivo máis alá do ámbito musical, dinamizando a economía local, fortalecendo o tecido cultural e proxectando a imaxe dunha Galicia moderna, aberta e creativa, nunha cita premiada e consolidada”.
Marcos Gómez Román tamén puxo en valor a capacidade do festival para medrar mantendo a súa esencia: "SonRías Baixas soubo evolucionar sen perder a súa identidade nin a súa estreita vinculación co territorio. Ese equilibrio entre crecemento, proximidade e autenticidade é un dos seus grandes valores e unha das razóns polas que forma parte da programación de Concertos do Xacobeo.".
Motor cultural, turístico e económico
Tras unha edición de récord en 2025, na que superou as súas mellores cifras de asistencia, SonRías Baixas chega á súa nova cita convertido nun importante motor de dinamización para Bueu e para o conxunto das Rías Baixas. Segundo os datos da organización, a pasada edición xerou un impacto económico de 3,1 millóns de euros e arredor de 1.000 empregos directos, reforzando o seu papel como axente activo no desenvolvemento turístico, comercial e hostaleiro da comarca.
Ademais da súa dimensión económica, o festival continúa afianzando o seu compromiso coa sustentabilidade e coa mellora da experiencia do público, incorporando novamente servizos oficiais de autobús que facilitarán un acceso máis cómodo, seguro e respectuoso co medio ambiente desde diferentes puntos da provincia.
Recoñecemento internacional
O prestixio de SonRías Baixas tamén quedou reflectido recentemente nos Iberian Festival Awards 2026, nos que obtivo tres galardóns —Best Festival Photo, Contribution to Sustainability e Best Hosting and Reception— entre un total de seis nomeamentos, un recoñecemento que avala tanto a calidade da súa programación como o seu compromiso coa sustentabilidade e coa excelencia organizativa.
O festival está promovido por PlayPlan e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración de Galicia Calidade e Xacobeo 2027, o Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.