A cultura do mar chega a Ribadavia para espertar vocacións polas profesións marítimas na cativada do interior de Galicia

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou o campamento municipal da área recreativa da Veronza os obradoiros educativos do proxecto Movemento Azul

A través do xogo e do manexo de materiais sostibles fabricados con subprodutos mariños, máis de medio cento de escolares aprenden a medir ameixas con calibres, orientarse con cartas náuticas e recoñecer a fauna das rías

Esta iniciativa da Xunta percorrerá dez campamentos galegos ata o 6 de agosto para achegar a economía azul e a remuda xeracional a máis de 700 nenas e nenos

Ribadavia (Ourense), 29 de xullo de 2026

O mar e a ribeira do Avia déronse hoxe a man na área recreativa da praia fluvial da Veronza, en Ribadavia, coa chegada dos obradoiros de divulgación do Movemento Azul da Xunta. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acudiu ao campamento municipal de verán para compartir cos escolares esta iniciativa coa que o Goberno galego achega o coñecemento, os valores e as oportunidades profesionais do litoral aos concellos de Galicia, tamén aos do interior.

Durante a visita, na que a responsable autonómica puido comprobar a evolución das actividades, a área de lecer ribadaviense transformouse nun laboratorio mariño ao aire libre no que 56 nenos e nenas de entre 7 e 11 anos descubriron que a actividade pesqueira e a conservación dos océanos son ámbitos cheos de futuro e innovación. A través do programa Un Mar de Profesións, destácase a importancia de que os escolares deixen de ser meros espectadores para converterse en protagonistas de tarefas reais do sector.

A dinámica organízase arredor de tres estacións de traballo equipadas con mobiliario sostible, fabricado para esta campaña con subprodutos do mar como cunchas de mexillón e cáscara de arroz. Nestes espazos, os pequenos enfróntanse a retos prácticos que lles permiten poñerse na pel dos distintos profesionais do sector: no posto dos patróns de pesca aprenden orientación e xeometría básica interpretando cartas náuticas, regras e compases para trazar rutas de navegación; na área de marisqueo e pesca artesanal empregan calibres reais para verificar as tallas mínimas e comprender a importancia de aparellos selectivos como o palanguillo ou o trasmallo; e na estación científica aplican o método científico con claves dicotómicas para identificar e protexer a biodiversidade propia das rías galegas.

Ao superar cada proba, os participantes van selando o seu Pasaporte de profesións do mar, o documento simbólico que os acredita como novos embaixadores e coidadores do noso litoral.

Promover a remuda xeracional

A parada en Ribadavia marca o ecuador da xira de verán do Movemento Azul, un proxecto que vai na liña da Estratexia de Economía Azul da Xunta de Galicia para visibilizar o potencial profesional e económico do mar e promover a remuda xeracional.

Trala súa fase inicial nos colexios durante o curso escolar, o itinerario estival percorre entre o 15 de xullo e o 6 de agosto un total de 10 campamentos municipais e autonómicos nas catro provincias coa meta de superar os 700 participantes.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/07/2026