Belén do Campo destaca o apoio da Xunta de máis de 600.000€ para a mellora da rede eléctrica e para renovación da capa de rodaxe nun dos accesos ao polígono industrial de Anxeriz en Tordoia

A delegada tamén explicou que o Goberno galego ten aberta, este ano, unha nova orde deste tipo de axudas, destinada ao reforzo e á extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da comunidade cun orzamento de 2,5 millóns de euros

Este tipo de apoios, en colaboración cos concellos, contribúen á captación de investimentos en Galicia e melloran a competitividade das empresas galegas

Tordoia (A Coruña), 29 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, visitaron o polígono industrial de Anxeriz para supervisar as melloras realizadas de reforzo e extensión da súa rede de distribución eléctrica que contaron cunha achega da Xunta de máis de 560.000 euros. Ademais, este polígono tamén contou, o ano pasado, cunha achega de más de 34.000 euros, da orde de Infraestruturas dos Parques Empresariais, para a mellora da capa de rodaxe do acceso ao sector S-04. Ambas actuacións supuxeron un investimento total por parte da Xunta de máis de 600.000 euros. Este parque empresarial conta cunha superficie de case 110.000 metros cadrados cunha ocupación de dúas empresas, de PVC e Maquinaría Industrial, e 370 traballadores.

En relación coa mellora da rede eléctrica esta actuación foi necesaria debido ao crecemento tanto da urbanización da zona como do solo industrial e residencial polo que a potencia instalada no era suficiente existindo cortes de subministración. As obras consistiron na adecuación e reforma dos centros de transformación con esta intervención logrouse pasar nos dous centros de transformación existentes de 250 e 400 KvA respectivamente a 900 KvA cada un. Ademais adecuáronse e reformáronse liñas aéreas e construíronse liñas subterráneas, o que permitiu soterrar máis de 2 quilómetros de tendido eléctrico.

O prazo de execución foi de tres anualidades pero nesta obra en concreto o remate adiantouse un ano ao 2025. A representante do Goberno autonómico destacou que estes apoios, en colaboración cos concellos,  contribúen á captación de investimentos en Galicia e melloran a competitividade das empresas galegas.

Na comarca de Santiago nesta mesma convocatoria tamén recibiu unha achega de máis de 130.000 euros o Concello de Ordes.

Nova orde 2026

A delegada tamén explicou que o Goberno galego ten aberta, este ano, unha nova orde deste tipo de axudas, destinada ao reforzo e á extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da comunidade.

A convocatoria, dirixida aos concellos galegos, conta cun orzamento total de 2,5 millóns de euros e permitirá financiar actuacións que se executarán entre os anos 2026 e 2028, co obxectivo de mellorar as infraestruturas enerxéticas e favorecer a implantación de novas empresas. O prazo para presentar solicitudes permanece aberto desde o 29 de maio ata o 28 de agosto de 2026, e as subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva.

As axudas financiarán actuacións de reforzo e ampliación das redes de distribución eléctrica que prestan servizo aos parques empresariais, así como os gastos recollidos nas condicións técnicas establecidas pola empresa distribuidora, sempre que deban ser asumidos polos concellos solicitantes.

Ademais, tamén serán subvencionables os custos de redacción dos proxectos, dirección de obra e instalación do cartel informativo previsto nas bases reguladoras. Poderán imputarse os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a data de xustificación do investimento.

“Con esta convocatoria, explicou a delegada, a Xunta busca mellorar a capacidade das infraestruturas eléctricas dos parques empresariais galegos, facilitando a chegada de novos proxectos empresariais, impulsando o desenvolvemento económico e reforzando a competitividade do tecido produtivo de Galicia”.

Con carácter xeral, a intensidade da axuda é dun 80 % do importe total subvencionable cun máximo dun millón de euros por solicitude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2026