A xunta inviste 1,4 M€ no subministro de novo equipamento para o laboratorio de microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

Esta contratación implica a renovación dos equipos automáticos para facer probas de sensibilidade aos antibióticos, para a identificación bacteriana rápida e para a renovación de material de tinguidura

Ademais, prevé a incorporación dunha nova sementadora que automatizará o traballo, para a que se fará unha pequena obra de adaptación

Suporá ter a última xeración de equipamento e liberar de traballo mecánico aos técnicos, que poderán asumir outras funcións e incrementar a carteira de servizos, explica o responsable do Servizo, Andrés Agulla

Ferrol (ASF), 30 de xullo de 2026

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vai investir 1,4 millóns de euros no subministro de material e dotación de novo equipamento para o laboratorio de Microbioloixía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. En concreto, trátase do contrato de subministro sucesivo de material funxible e o arrendamento e mantemento dos equipos necesarios para realizar o procesamento de mostras mediante cultivo, sementeira automática, tinguidura de Gram, identificación microbiana e estudio de sensibilidade antibiótica no laboratorio de microbioloxía da área sanitaria de Ferrol.

Este contrato establécese por un período de 36 meses, con posibilidade de prórroga por outros 24 meses, elevando o valor estimado ata os 2.078.153 euros. 

A contratación implica, por unha banda, a renovación e actualización dos equipos de última xeración automáticos para facer sensibilidades aos antibióticos (antibiogramas); tamén, dos equipos necesarios para identificación bacteriana rápida de varias mostras á vez coa espectrometría de masas; e,  por último, a renovación do material de tinguidura, proceso polo que se tingue e estende a mostra para poder observar con microscopía bacterias e células, coas últimas novidades e coas vantaxes ecolóxicas que implica a redución dos reactivos.

Ademais, e como novidade, incorpórase unha nova sementeira de mostras, para a que se fará unha pequena intervención de adaptación nos espazos e que automatizará o traballo máis reiterativo coas mostras realizado actualmente polos técnicos de laboratorio. 

Todo isto suporá, explica o responsable do Servizo, Andrés Agulla, “ter a última xeración de equipamento, e incorporar unha automatización de accións mecánicas que facían os técnicos, que agora poderán asumir outras funcións e incrementar a carteira de servizos”.

O Servizo de Microbioloxía realiza, só neste ámbito da bacterioloxía, entre 7.000 e 8.000 probas ao mes para detectar infeccións bacterianas, a maior parte de ouriños e feridas. Estas mostras teñen que se cultivar para ver se medran as bacterias e identificar o tipo de bacteria. Para isto, contarase coa actualización desta tecnoloxía para o antibiograma e o espectrómetro de masas, coa fin da identificación e a aplicación posterior de terapias dun xeito rápido e efectivo. 

Como indica Andrés Agulla, non só é unha cuestión cuantitativa, supón un salto pola complexidade de determinacións en cada mostra. “Isto implica ofrecer á poboación da Área Sanitaria de Ferrol, no eido das probas básicas de bacterioloxía, todo o que teñen os grandes hospitais”, subliña o responsable do servizo.

Coñecer a causa das enfermidades infecciosas

O Laboratorio de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, situado no Hospital Naval, incrementou considerablemente os seus espazos e recursos nos últimos anos. En termos xerais, dedícase fundamentalmente ao seguimento e tratamento de mostras para o diagnóstico de enfermidades infecciosas, a través do cultivo de bacterias e, entre outros, ouriños, feces, sangue ou feridas. Ocúpase tamén do control das resistencias aos antibióticos; dos estudos virolóxicos como probas relativas á infección por VIH, a hepatite, o papiloma virus, a gripe, ou a covid; e ten un espazo específico para análise da tuberculose. 

Este servizo conta tamén cun ámbito dedicado exclusivamente á bioloxía molecular, departamento no que se fan de xeito ordinario outro tipo de probas para patoloxías como hepatite C, VIH ou o virus do papiloma humano. Neste laboratorio, con funcionamento as 24 horas do día e os 7 días da semana, desenvolven a súa actividade laboral de xeito específico un total de 30 profesionais entre facultativos, técnicos de laboratorio, profesionais de enfermería, e auxiliares administrativas. 

Cómpre lembrar, ademais, que o Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi acreditado para a docencia en xullo de 2021. Esta acreditación implica responder a uns estándares determinados; e os residentes poden coñecer esta nova tecnoloxía sen necesidade de facer a súa rotación noutros laboratorios. Ao seguimento destes elementos, súmase tamén o control dos estándares de calidade deste servizo, xa que está certificado pola Norma ISO, desde o ano 2012, o que implica aplicar a cada proceso os máximos da calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026