A Xunta celebra a aposta de Wizz Air por Galicia e destaca a colaboración como ferramenta para impulsar a conectividade aérea

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou no acto de presentación das novas conexións que a compañía húngara operará desde Santiago

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe no acto no que a compañía húngara Wizz Air anunciou novidades respecto da súa presenza no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro coa incorporación de novas conexións nacionais e internacionais e coa apertura dunha base operativa na capital galega.

Durante a súa intervención, Diego Calvo cualificou a xornada como un día importante para a conectividade de Galicia e deu a benvida á aposta de Wizz Air por Santiago de Compostela. O conselleiro agradeceu tanto á compañía como a Aena o seu compromiso co aeroporto compostelán e celebrou especialmente a decisión de establecer unha base operativa na capital galega.

O conselleiro destacou que a colaboración entre as administracións e os distintos axentes implicados está a dar os seus froitos e subliñou que a incorporación de novas conexións reforza as opcións de mobilidade da cidadanía, favorece a actividade económica e contribúe a impulsar Galicia como destino turístico. Neste senso desexou non só que as rutas anunciadas se consoliden, senón que outras novas cheguen a Galicia e aos seus tres aeroportos.

A Xunta xa avanzara con anterioridade que, no marco da proposta de AENA,  colaboraría na captación de novas rutas a través da promoción turística en orixe destinando  100.000 euros por ruta e ano, ata un máximo de dúas rutas anuais en cada un dos tres aeroportos galegos. O goberno galego abriu a porta a que esta promoción en orixe sexa realizada polos concellos, se así o desexan, formalizando un convenio.

Neste contexto, Turismo de Galicia está a traballar na formalización dun convenio de colaboración a petición do Concello de Santiago para desenvolver accións de promoción en orixe nos mercados italiano e polaco que contribúan á consolidación das futuras conexións con Roma e Varsovia, avanzadas hoxe para finais deste ano. Neste sentido, o conselleiro destacou tamén o traballo que se está a realizar entre ambas administracións e agardou que poida tamén realizarse nas demais cidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026