O presidente do Goberno galego visitou os traballos de fin de obra da reforma integral e ampliación do centro de saúde de Conxo e unidades de saúde mental de Conxo, que supuxo un investimento da Xunta de 5,5 M€

Rueda reafirma o compromiso da Xunta coa modernización integral da atención primaria para acadar unha asistencia máis próxima, moderna e resolutiva

Destaca que o novo centro do barrio compostelán ampliará espazos e servizos, facilitando que máis de 5.000 veciños e veciñas atopen aquí unha resposta sanitaria máis completa e eficaz

Apunta que entre as melloras inclúese a renovación e ampliación das unidades de saúde mental do centro e a creación dunha nova unidade de psicoxeriatría

Sinala que a previsión é que as novas instalacións comecen a funcionar este mesmo mes de agosto

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a firme aposta do Executivo autonómico por consolidar un modelo sanitario público de máxima calidade, máis resolutivo e máis humano, situando a atención primaria como eixo prioritario.

Durante unha visita aos traballos de fin de obra da reforma integral do centro de saúde e unidades de saúde mental de Conxo, en Santiago de Compostela, na que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, Rueda subliñou que esta é unha “mostra moi boa da Galicia Calidade en sanidade”. Os traballos consistiron na reforma integral e ampliación das instalacións, para o cal o Goberno galego destinou 5,5 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027.

O proxecto permitiu conservar o patrimonial e histórico do edificio, ao tempo que se renovou por completo o seu interior, multiplicando por dous o espazo dispoñible ao pasar de 400 a preto de 1.000 metros cadrados útiles. Como resultado, os máis de 5.000 veciños e veciñas adscritos a este centro contarán con máis servizos e espazos máis amplos, con novas consultas de medicina de familia, enfermaría e cirurxía menor, sala de urxencias, dúas salas de técnicas e unha nova unidade de saúde bucodental. Deste xeito ofrecerase desde o centro de saúde unha resposta sanitaria máis completa e eficaz.

Ademais, segundo destacou o titular do Executivo galego, renováronse e ampliáronse as dúas unidades de saúde mental do centro –que dá cobertura de referencia a preto de 150.000 persoas de Santiago e concellos da contorna– e creouse unha nova unidade de psicoxeriatría dotada con catro consultas específicas para a atención de persoas maiores.

Tal e como apuntou o presidente, está previsto que o centro arrinque a súa actividade asistencial este mes de agosto.

Así mesmo, Rueda salientou que “as contornas físicas” son fundamentais para “adaptarse a unha sanidade moderna”. Neste sentido, afirmou que a Xunta continúa traballando polo ben do conxunto do sistema sanitario e que, en concreto, na área sanitaria de Santiago estase a realizar un importante esforzo nesta liña coa próxima posta en marcha do primeiro Centro de Protonterapia de Galicia –e pioneiro da sanidade pública en España–, que comezará a funcionar nos vindeiros meses; a ampliación do Hospital Clínico co novo edificio de 5.300 metros cadrados que tamén abrirá este mesmo ano e o aumento da zona de urxencias; e a elaboración dun plan que o Goberno autonómico está a ultimar para responder a unha demanda histórica como é a mellora da mobilidade na contorna do hospital mediante novos accesos e un novo aparcadoiro.

Reforma integral da Atención Primaria

Esta intervención enmárcase dentro do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, mediante o cal a Xunta investiu máis de 162 millóns de euros desde 2009 na construción ou reforma de 138 centros de saúde.

Na actualidade, están en execución cinco novos centros –Vilagarcía de Arousa, Santa Lucía na Coruña, A Rúa, Muíños e Boborás– e a reforma integral do centro da Milagrosa en Lugo.

Así mesmo, o presidente reafirmou que o compromiso do Goberno autonómico vai máis alá da modernización das infraestruturas, en referencia á reforma integral da Atención Primaria en toda Galicia, un “plan moi traballado” que “agardo que no mes de setembro poidamos presentar na súa integridade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026