Belén do Campo destaca en Mostrart o papel da artesanía galega como motor de emprego, innovación e remuda xeracional

A delegada da Xunta participou na inauguración da 42º edición da feira que reúne, ata o 30 de agosto, nos xardíns de Méndez Núñez, a 68 obradoiros artesás

A Coruña, 1 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada por José Manuel Salvado, Presidente de la Asociación Galega de Artesáns, participou hoxe na inauguración da 42ª edición de Mostrart, a feira de artesanía que se celebra desde hoxe e ata o vindeiro 30 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, organizada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta de Galicia con horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 22.00 horas.

Acompañada polo presidente da Asociación Galega de Artesáns, José Manuel Salvado Sanín, a delegada percorreu os postos da feira, onde salientou a importancia desta cita como un dos principais escaparates da artesanía galega e como un instrumento fundamental para impulsar o selo Artesanía de Galicia e favorecer a incorporación de novos talentos a un sector que contribúe á creación de emprego e á dinamización económica e social do territorio.

Belén do Campo destacou que Mostrart é a feira de venda directa de artesanía máis relevante de Galicia e un referente tamén a nivel estatal. Nesta 42ª edición participan 68 obradoiros artesáns, dos cales 46 son obradoiros da marca Artesanía de Galicia e 12 proceden doutras comunidades autónomas, que representan unha ampla variedade de oficios, entre eles o coiro, o téxtil, a xoiería, a bixutería, a escultura, a madeira, a arte floral, os xoguetes, a cerámica, a encadernación, o papel e cartón ou a construción de instrumentos musicais.

Como cada verán, os postos de venda serán o principal atractivo para os milleiros de visitantes que recibe a feira, aínda que nesta edición as actividades participativas volven a cobrar un protagonismo especial. Desenvolveranse talleres gratuitos e iniciación a diferentes oficios artesás de luns a xoves durante todo o mes de agosto, nos que o público poderá coñecer diferentes técnicas artesanais da man de profesionais do sector, descubrir os procesos de creación das pezas e experimentar co traballo manual.

Ademais, tras a boa acollida da pasada edición, Mostrart volverá a ofrecer visitas guiadas gratuítas pola feira que se celebrarán todos os venres do mes de agosto, en dous pases diarios, ás 11.30 horas a ás 18.00 horas, para o que será necesario inscripción previa na caseta de información da feira.

Durante a visita, a delegada aproveitou tamén para recoñecer o labor desenvolvido pola Asociación Galega de Artesáns ao longo de máis de catro décadas de traxectoria na defensa e promoción da artesanía galega. Neste sentido, puxo en valor a súa contribución a iniciativas estratéxicas como a creación da marca autonómica Artesanía de Galicia, a posta en marcha de Mostrart e a elaboración da Lei de Artesanía de Galicia, nas que desempeñou un papel fundamental.

Compromiso coa artesanía galega

Belén do Campo subliñou que iniciativas como Mostrart exemplifican o compromiso da Xunta coa artesanía galega a través da Fundación Artesanía de Galicia e da marca Artesanía de Galicia, promovendo o impulso deste sector.

Neste senso, lembrou que o Goberno galego convoca anualmente distintas liñas de axudas destinadas á promoción da artesanía galega e ao impulso da comercialización das creacións dos profesionais do sector, co obxectivo de reforzar a súa competitividade e contribuír á súa proxección dentro e fóra de Galicia.

Ademais, destacou que a Fundación Artesanía de Galicia aposta polo emprendemento sostible e por garantir a remuda xeracional nestes oficios tradicionais.

Neste contexto, lembrou que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 contempla novas medidas de apoio ao sector, entre elas as futuras bolsas para aprendices do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, unha iniciativa de formación continua destinada a conservar e renovar os oficios tradicionais e atraer novos profesionais.

A delegada destacou tamén que a Xunta mantén aberta unha nova liña de axudas dotada cun millón de euros para a formación de aprendices en oficios tradicionais, no marco do programa de Primeira Experiencia Profesional, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 30 de setembro. Esta medida forma parte da estratexia autonómica para preservar o patrimonio artesanal galego, favorecer a profesionalización do sector e asegurar a continuidade dos oficios tradicionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2026