Belén do Campo destaca na Festa do Galo Piñeiro o valor desta cita como referente das tradicións do rural galego
A delegada da Xunta participou na XXV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia
A representante do Goberno autonómico salientou que a recuperación do galo piñeiro converteu esta raza autóctona nun símbolo da calidade gastronómica e da identidade do Pino
O Pino (A Coruña), 2 de agosto de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de O Pino, Manuel Taboada, participou hoxe na XXV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, onde destacou que esta celebración constitúe “un dos mellores exemplos de como a conservación das nosas tradicións e do patrimonio agroalimentario contribúe a dinamizar o rural e a reforzar a identidade dos nosos concellos”. O pregón correu a cargo das rapazas e rapaces do Pino campións de Europa de fútbol Gaélico.
Belén do Campo subliñou que esta cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, é a principal celebración gastronómica e cultural de O Pino e unha das máis representativas da comarca de Arzúa, reunindo cada ano a milleiros de visitantes arredor da gastronomía, a gandería, a artesanía e a cultura tradicional.
A representante do Goberno galego puxo en valor o traballo desenvolvido durante anos para recuperar e poñer en valor o galo piñeiro, unha raza autóctona que pasou de estar en perigo de desaparición a converterse nun referente da gastronomía galega e nun símbolo da calidade dos produtos do rural. Neste sentido, felicitou aos criadores, ás asociacións e ao Concello de O Pino polo seu compromiso coa conservación deste patrimonio. A representante do Goberno autonómico aproveitou para participar na entrega de premios aos gañadores da XXV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeiros vivos.
Belén do Campo tamén percorreu a Mostra Cabalar, unha das máis destacadas de Galicia, que reúne algúns dos mellores exemplares equinos da comunidade e un completo programa de competicións e exhibicións, consolidándose como outro dos grandes atractivos desta celebración.
A delegada salientou, ademais, que esta edición das vodas de prata contou cun amplo programa de actividades que incluíu a Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira Vivas, a mostra Artesanía no Camiño, exhibicións de aves rapaces, animación de rúa, actividades infantís, a concentración de vehículos clásicos e históricos e a tradicional degustación gratuíta de galo, e o gran espectáculo ecuestre “Sin Límites” de Santi Serracamps, convertendo O Pino nun punto de encontro para miles de visitantes.
Finalmente, Belén do Campo reiterou o compromiso da Xunta co apoio ás festas de interese turístico de Galicia e tamén ás festas que contribúen á conservación das razas autóctonas, á promoción dos produtos de calidade e á dinamización económica, social e turística do rural galego, destacando que iniciativas como esta “axudan a preservar o noso patrimonio e a proxectar a mellor imaxe de Galicia”.