Os obradoiros do ‘Movemento Azul’ da Xunta chegan a Arteixo para conectar a infancia coas profesións marítimo-pesqueiras
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe no Centro de Educación Especial C.P.R. Agarimo o campamento municipal Concilia de verán, no que preto de 90 escolares aprenden sobre estes oficios
Arteixo (A Coruña), 31 de xullo de 2026
O Centro de Educación Especial C.P.R. Agarimo, en Arteixo, acolleu hoxe unha nova parada do itinerario formativo Movemento Azul da Xunta, impulsado pola Consellería do Mar, para achegar aos máis novos o potencial profesional, sostible e científico do sector marítimo-pesqueiro.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou nas actividades do campamento municipal Verán-Concilia, onde 88 nenos e nenas de entre 7 e 11 anos sumáronse aos obradoiros didácticos de Un Mar de Profesións. Durante a xornada, a titular de Mar remarcou a importancia de espertar o interese polos sectores do mar desde idades temperás, amosando á infancia as opcións de futuro ligadas á actividade pesqueira e marisqueira, á investigación e á sostibilidade ambiental.
A actividade organízase en tres áreas de traballo móbiles cuxo mobiliario foi deseñado en exclusiva a partir de subprodutos do mar, promovendo de xeito práctico o concepto de economía circular. Nestes espazos, os escolares afrontan retos adaptados á súa idade para coñecer de preto distintos oficios mariños: na área de tradición e regulación comproban o funcionamento de artes tradicionais e aprenden a verificar as tallas mínimas dos bivalvos con calibres reais.
A actividade continúa na estación de ciencia e biodiversidade na que aprenden a recoñecer a fauna autóctona das rías galegas, e na zona de navegación, onde exercitan o cálculo de rutas e o manexo de cartas náuticas, regras e compases para trazar o rumbo dos barcos. Tras completar con éxito cada un dos desafíos propostos polas distintas estacións, os escolares reciben o seu ‘Pasaporte de profesións do mar’, un recoñecemento simbólico que os acredita como embaixadores do coidado e protección do medio mariño galego.