Belén do Campo visita a XLI Mostra da Olería de Buño e destaca o apoio do goberno galego ao relevo xeneracional e á proxección da alfarería tradicional

A delegada da Xunta percorreu os stands dos talleres participantes e asistiu á demostración de torno a cargo dun ceramista de Risco Estudio

A representante do Goberno autonómico lembrou que Buño é o centro de olería tradicional máis activo de Galicia e un dos principais referentes do sector artesanal, motivo polo que o Goberno galego mantén unha aposta decidida pola súa conservación e desenvolvemento mediante iniciativas de promoción, formación e divulgación

Malpica  (A Coruña), 31 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo J.Parga, visitou esta mañá a XLI Mostra de Olería de Buño, unha das citas máis consolidadas do calendario artesanal galego, onde percorreu as 8 casetas dos talleres participantes e coñeceu de primeira man o traballo dos artesáns e artesás que manteñen vivo un dos oficios tradicionais con maior arraigamento en Galicia.

Durante o percorrido, a delegada visitou os espazos expositivos de Olería Rulo,  das alfarerías O Falsete, Feituras, Risco Estudio, Faya e A Cacharrera e dos Obradoiros Cambón e Tonio, destacando a calidade das pezas expostas, a capacidade do sector para combinar tradición e innovación e o importante papel que desempeña a olería como motor económico e cultural da Costa da Morte.

A visita concluíu coa presenza da delegada nunha demostración de torno cun ceramista de Risco Estudio, un taller rexistrado no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que traballa desde A Coruña cunha proposta contemporánea baseada na cerámica artesanal. de Risco Estudio impulsa, xunto con Verónica Moar, o proxecto Orixes, unha iniciativa que conta coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia para fomentar o diálogo entre arte, artesanía e deseño, contribuíndo a achegar a cerámica galega a novos públicos.

A XLI Mostra de Olería de Buño, organizada pola Asociación Oleira de Buño aberta ata o próximo domingo 2 de agosto no Parque Luciano García Alén, constitúe un dos principais escaparates da olería tradicional galega. Declarada Festa Galega de Interese Turístico no ano 2000 e distinguida coa Medalla de Oro ao Mérito nas Belas Artes en 2007, a feira reúne cada verán a numerosos de visitantes e pon en valor un oficio secular estreitamente ligado ao barro local e á identidade cultural da comarca.

A representante da Xunta lembrou que Buño é o centro de olería tradicional máis activo de Galicia e un dos principais referentes do sector artesanal, motivo polo que o Goberno galego mantén unha aposta decidida pola súa conservación e desenvolvemento mediante iniciativas de promoción, formación e divulgación.

Neste sentido, destacou a colaboración da Fundación Artesanía de Galicia na II Cocedura Tradicional Aberta de Buño, que se celebrará os días 1 e 2 de agosto na contorna do Ecomuseo do Forno do Forte. A iniciativa recupera unha tradición con máis de vinte anos de historia e permite a ceramistas e afeccionados cocer as súas pezas nun forno do século XIII seguindo o método tradicional, favorecendo a transmisión de coñecementos e o intercambio entre profesionais.

Apoio sector artesá

A delegada tamén lembrou o compromiso da Xunta coa remuda xeracional nos oficios artesanais a través do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado desde 2023.

A delegada lembrou ademais que a Xunta mantén aberta unha nova liña de axudas dotada cun millón de euros para a formación de aprendices en oficios tradicionais, dentro do programa de Primeira Experiencia Profesional, con solicitudes abertas ata o próximo 30 de setembro. Esta medida enmárcase na estratexia autonómica para preservar o patrimonio artesanal galego, favorecer a profesionalización do sector e garantir a remuda xeracional nos oficios tradicionais.  Ademais, a Xunta tamén conta todos os anos con axudas para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026