O 'Movemento Azul' da Xunta fai parada en Bergondo para conectar a cativada coa economía azul e as profesións do mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe no albergue da Mariña Española o campamento autonómico ‘Aventura nas Mariñas’, no que un centenar de escolares aprenden sobre estes oficios

Bergondo (A Coruña), 3 de agosto de 2026

O albergue da Mariña Española, en Bergondo, acolleu hoxe unha nova parada do itinerario formativo Movemento Azul da Xunta, impulsado pola Consellería do Mar, para achegar aos máis novos o potencial profesional, sostible e científico do sector marítimo-pesqueiro.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participou nas actividades do campamento autonómico ‘Aventura nas Mariñas’, onde un centenar de nenas e nenos de entre 7 e 11 anos sumáronse aos obradoiros didácticos de Un Mar de Profesións. Tras comprobar a implicación da cativada nas actividades propostas, Villaverde sinalou a importancia de espertar o interese polos sectores do mar nos máis pequenos da casa, amosando á infancia as opcións de futuro ligadas á actividade pesqueira e marisqueira, á investigación e á sostibilidade ambiental.

A actividade organízase en tres áreas de traballo móbiles, onde os escolares afrontan retos adaptados á súa idade para coñecer de preto distintos oficios mariños: na área de tradición e regulación comproban o funcionamento de artes tradicionais e aprenden a verificar as tallas mínimas dos bivalvos con calibres reais.

Na estación de ciencia e biodiversidade nenos e nenas aprenden a recoñecer a fauna autóctona das rías galegas, e na zona de navegación exercitan o cálculo de rutas e o manexo de cartas náuticas, regras e compases para trazar o rumbo dos barcos.

Pequenos e pequenas, tras superar con éxito os desafíos das distintas estacións, reciben o seu ‘Pasaporte de profesións do mar’, un recoñecemento simbólico que os acredita como embaixadores do coidado e protección do medio mariño galego.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 04/08/2026