A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, deu a coñecer hoxe estas actuacións
A Xunta somete a información pública os proxectos das novas sendas peonís e ciclistas nos concellos de Ponteareas e Mondariz
O investimento en ambos itinerarios acadará 1,9M€ e financiarase con fondos europeos FEDER
En Ponteareas, a Xunta habilitará tres treitos de senda na PO-254 ao longo de 4,5km polas parroquias de Bugarín, Prado e Pías, mentres que en Mondariz desenvolverase un itinerario na PO-262 desde o núcleo urbano ao matadoiro
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio do trámite de información pública, de xeito que os proxectos poderán consultarse ata o 15 de setembro, e a partir de mañá mércores poderanse presentar suxestións
Allegue enmarca estas actuacións na aposta da Xunta pola mobilidade sostible segura a través da gran rede destes itinerarios que se está a habilitar nas estradas autonómicas e que contribúen “a embelecer as nosas vilas”
Ponteareas (Pontevedra), 4 de agosto de 2026
A Xunta somete a información pública os proxectos das novas sendas peonís e ciclistas que se habilitarán nos concellos de Ponteareas e Mondariz. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou hoxe en Ponteareas estas actuacións, cuxo investimento acadará 1,9M€ que se financiarán con fondos FEDER.
En concreto, abordaranse dúas sendas, que no caso de Ponteareas desenvolverase na estrada autonómica PO-254, e no de Mondariz na PO-262.
No primeiro dos citados concellos, habilitaranse 3 treitos de itinerario de 2 metros de ancho nas parroquias de Bugarín, Prado e Pías, ao longo de máis de 4km que conectarán os arredores do núcleo urbano co acceso á praia fluvial da Freixa. Por outra banda, en Mondariz acometerase unha senda entre o núcleo urbano e o matadoiro.
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio do trámite de información pública, de xeito que os proxectos poderán consultarse ata o 15 de setembro, e a partir de mañá mércores, día 5, as persoas interesadas poderán presentar as súas suxestións.
Allegue enmarcou estas actuacións na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e segura a través da gran rede de itinerarios peonís que se está a habilitar “cunha folla de ruta clara” nas estradas autonómicas e que contribúen, ademais de mellorar a seguridade para os desprazamentos da veciñanza e visitantes, “a embelecer as nosas vilas e cidades e a avanzar na nosa Galicia calidade da que estamos tan orgullosos”.
O proxecto inclúe actuacións complementarias, como a habilitación de bandas de aparcamento, reservas de parada de bus e a reorganización da intersección entre a PO-254 e a PO-253 en Ponteareas, para permitir o cambio de sentido ou disposición de novos pasos de peóns.
Unha vez que finalice a información pública, a conselleira destacou que se axilizará a tramitación na medida do posible para aprobar o proxecto construtivo e licitar as obras neste mesmo ano. Posteriormente, os traballos terán un prazo de execución de 18 meses.