Román Rodríguez destaca o avance das obras de construción do colexio Gerardo Fernández Albor, que abrirá no curso 2027/28

O conselleiro de Educación comprobou os traballos do novo centro do Milladoiro, que prosiguen a bo ritmo, polo que se mantén a previsión de que estea rematado antes de setembro do ano que vén

O Consello aprobou onte darlle o nome do primeiro presidente electo da Xunta pola súa contribución á consolidación da Galicia autonómica e do seu ensino público

O centro, no que se están investindo 11,6 M€, contará con seis aulas de Infantil, 12 de Primaria, espazos polivalentes e flexibles e grandes zonas exteriores

O conselleiro salienta que será “un colexio de referencia desde a perspectiva dos novos espazos educativos do que imos estar francamente orgullosos”

Ames (A Coruña), 4 de agosto de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou esta mañá o avance das obras de construción do novo Colexio Gerardo Fernández Albor, no Milladoiro. Neste momento os traballos avanzan a bo ritmo e segundo o previsto, aproveitando o verán para intensificar o ritmo nas actuacións exteriores. Así as cousas, a previsión é que as obras, que está a executar o Grupo Puentes, estean rematadas antes de setembro de 2027 e o centro, por tanto, abra as súas portas para o curso 2027/28.

Precisamente o Consello aprobou onte darlle ao centro o nome do primeiro presidente electo da Xunta pola súa contribución á consolidación da Galicia autonómica. Neste sentido, Román Rodríguez lembrou que baixo o mandato de Gerardo Fernández Albor se puxeron en marcha as primeiras políticas públicas educativas propiamente galegas e se estruturou a organización do noso ensino. Deste xeito, bautizar este colexio, o primeiro deseñado de xeito íntegro en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica que establece un novo modelo de centros á vangarda, servirá para pechar un ciclo e render homenaxe ao gran avance que experimentou a educación pública galega nos últimos 40 anos.

Espazos flexibles e polivalentes

A Xunta está a investir máis de 11,6 M€ na construción deste colexio que, de acordo cos parámetros do citado plan, contará con espazos polivalentes e flexibles. Neste sentido, o conselleiro destacou que o centro “vai ofrecer moito confort ao alumnado e profesorado, vai contar con espazos abertos e flexibles e vai estar preparado para a perspectiva climática, buscando tamén o aforro enerxético, con espazos cubertos e con dúas zonas deportivas”, explicou. “Será un colexio de referencia desde a perspectiva dos novos espazos educativos do que imos estar francamente orgullosos”, abondou.

O deseño do centro propón volumes baixos e adaptados á paisaxe, con boa iluminación natural e en contacto visual cos espazos exteriores de patio e xardín, especialmente os espazos de uso colectivo. Ademais, o colexio contará cun foro multifuncional que servirá como lugar de aprendizaxe aberto e que se situará no espazo central do primeiro andar, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

A superficie construída será de 4.886 m² separada en dous andares, con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio e desdobre de grupos, aula de música e sala de usos múltiples, ademais dun Polo Creativo. Así mesmo terá biblioteca, ximnasio con vestiarios, área de administración (despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

As zonas para actividades de carácter colectivo sitúanse próximas aos accesos ao exterior, mentres que as destinadas a aulas e actividades administrativas se sitúan no ámbito sur, en contacto visual cos espazos exteriores de patio e xardín. As aulas de Primaria están protexidas por soportais e as de Infantil dispoñen de cadanseu espazo exterior cuberto para evitar a incidencia solar ou da choiva sobre as mesmas. Os 1.974 m² de espazos exteriores distribúense entre zona cuberta e descuberta para as aulas de Infantil e pista polideportiva cuberta e descuberta.

A accesibilidade será universal e inclusiva, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias e itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos. Ademais de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visible, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia do edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

Case 15,5 M€ en Ames

O conselleiro puxo en valor o investimento que a Xunta está a facer en concellos de gran dinamismo demográfico, como o de Ames, no que se están a investir case 15,5 M€ na construción e mellora de centros educativos. Ademais da edificación do CEIP Gerardo Fernández Albor, vén de rematarse a ampliación do Colexio Agro do Muíño (preto de 3,4 M€) e o cambio de cuberta do Colexio de Barouta (237.000 €).

Ademais, ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar 2026, de obras de pequena e mediana envergadura que se adoitan executar no verán, a Consellería de Educación realiza este ano melloras nos colexios A Maía, Agro do Muíño,  de Barouta e Plurilingüe de Ventín, así como nos institutos do Milladoiro e Plurilingüe de Ames.

Data de actualización: 04/08/2026