O Diario Oficial de Galicia publica a apertura da solicitude de novos graos de carreira profesional no Servizo Galego de Saúde, da que se poden beneficiar máis de 8.000 traballadores
O prazo para presentar as solicitudes comezará mañá, mércores
A Xunta destina 14,1 millóns de euros ao recoñecemento do labor e da experiencia do persoal do sistema sanitario público galego
No caso do persoal sanitario licenciado o acceso á carreira suporá unha suba de 300,19 euros ao mes e para os diplomados o incremento será de 187,62 euros
Os profesionais verán reflectido este aumento retributivo a partir de xaneiro
O sistema de carreira profesional ten por obxectivo incrementar a cualificación e as competencias dos profesionais do sistema sanitario público, o que redunda na mellora da calidade asistencial
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se abre o prazo do procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV da carreira profesional correspondente ao ano 2026 para os traballadores do Servizo Galego de Saúde, da que se prevé que se beneficien máis de 8.000 profesionais da sanidade pública galega. Deste xeito, o prazo para presentar as solicitudes dará comezo mañá, mércores.
A carreira profesional é un sistema que ten por obxectivo motivar e incrementar a cualificación e as competencias dos profesionais do sistema sanitario público galego, o que redunda nunha mellora da calidade dos servizos asistenciais.
Así, e segundo a información dispoñible nos expedientes dixitais do departamento sanitario da Xunta, poderán acceder a un novo grao 715 sanitarios do grupo A1; 2.864 do grupo A2; 2.012 de formación profesional; e 2.496 profesionais do grupo de persoal de xestión e servizos.
Para recoñecer o labor e a experiencia do persoal do Servizo Galego de Saúde, o Executivo galego destinará 14.168.637 de euros, supoñendo unha mellora das condicións retributivas a partir de xaneiro de 2027.
No caso do persoal licenciado sanitario do grupo A1, o recoñecemento da carreira profesional suporá un incremento de 300,19 euros ao mes; para o persoal sanitario do grupo A2 será de 187,62 euros; e no caso do grupo C2 de 92,57 euros.
Compromiso co desenvolvemento e consolidación da carreira profesional
Avanzar na carreira profesional é un dereito dos profesionais como recoñecemento ao seu desenvolvemento en canto a coñecementos, formación, experiencia, investigación, docencia e outros aspectos relevantes, segundo o caso, para a correspondente profesión, grupo ou categoría profesional, así como á súa participación nos obxectivos da organización.
O Servizo Galego de Saúde mantén un firme compromiso co desenvolvemento e consolidación da carreira profesional como un instrumento de recoñecemento ao compromiso e competencia individual.
Desde a activación da carreira profesional, recoñecéronse 60.414 novos graos de carreira profesional nas convocatorias realizadas entre 2018 e 2025, dos cales 13.846 corresponden a licenciados sanitarios.
Máis concretamente, en 2018 resolveuse a primeira convocatoria extraordinaria, na que se recoñeceron 20.499 novos graos (4.745 correspondentes a licenciados sanitarios).
En 2020, tivo lugar unha nova convocatoria extraordinaria, que supuxo o recoñecemento de 14.011 novos graos (3.412 licenciados sanitarios).
En 2021, realizouse a primeira convocatoria ordinaria, na que se recoñeceron 50 novos graos (7 licenciados sanitarios).
En 2022, resolveuse unha convocatoria ordinaria na que se acadaron 49 novos graos (26 correspondentes a licenciados sanitarios) e, posteriormente, a extraordinaria, con 7.731 novos graos recoñecidos (1.285 licenciados sanitarios).
Na convocatoria ordinaria de 2023, recoñecéronse 2.523 novos graos na convocatoria ordinaria (1.072 licenciados sanitarios) e 7.147 na extraordinaria (1.104 licenciados sanitarios).
En 2024, realizouse a convocatoria ordinaria, na que se recoñeceron 3.739 novos graos (536 licenciados sanitarios).
Finalmente, en 2025, a convocatoria ordinaria saldouse co recoñecemento de 4.665 novos graos (1.659 licenciados sanitarios).
Por categorías profesionais, recoñecéronse un total de 13.846 novos graos entre o persoal de licenciados sanitarios, grupo no que se inclúen médicos e outras profesións sanitarias con titulación de licenciatura ou grao equivalente; 17.847 entre o persoal de diplomados sanitarios; 13.450 entre o persoal sanitario de formación profesional; e 15.271 entre o persoal de xestión e servizos.