A Xunta licita por 8,5 M€ o contrato para reforzar a historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde con novas capacidades que permitan consolidar a sanidade dixital de Galicia

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 4 de setembro para presentar as súas ofertas

A evolución da historia clínica permitirá incorporar ferramentas avanzadas baseadas en intelixencia artificial para apoio da decisión clínica, integración de información xenómica, telemonitorización e novos servizos dixitais para profesionais e cidadanía

Impulsaranse funcionalidades que faciliten a relación dixital dos usuarios co sistema sanitario

A integración dos distintos módulos da historia clínica nunha única plataforma contribuirá a simplificar os procesos asistenciais e a mellorar a interoperabilidade entre sistemas

Avanzarase, ademais, na consolidación de IANUS 5 como plataforma única da historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde

A medida enmárcase na estratexia de transformación dixital do sistema sanitario público galego e está cofinanciada polo Programa FEDER Galicia 2021-2027

A Xunta está a tramitar o anteproxecto de Lei de transformación dixital do sistema público de saúde co fin de obxectivo actualizar tecnoloxicamente o sistema sanitario, mellorando a xestión de datos clínicos e regulando o emprego da IA neste eido

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación da contratación da evolución das aplicacións e módulos que conforman o sistema de información de historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde, con novas capacidades destinadas a consolidar a sanidade dixital de Galicia. O importe da licitación acada os 8.570.575 euros.

O contrato ten unha duración inicial de 36 meses, con posibilidade de prórroga por dous anos máis.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 4 de setembro para presentar as súas ofertas.

Esta iniciativa, enmarcada na Estratexia de transformación dixital do sistema sanitario público galego e cofinanciada polo Programa FEDER Galicia 2021-2027, ten un valor estimado total, tendo en conta as posibles prórrogas, de 13 millóns de euros.

O obxectivo da Xunta con esta actuación é continuar a modernización da plataforma corporativa IANUS e avanzar na súa evolución cara á nova versión IANUS 5 que se estenderá a todo o Servizo Galego de Saúde. 

Así, reforzarase como contorna tecnolóxica única para os profesionais sanitarios dos centros de saúde e hospitais galegos, favorecendo unha visión integral da información clínica dos pacientes e facilitando unha atención máis coordinada, continua e segura. A integración dos distintos módulos nunha única plataforma contribuirá, tamén, a simplificar os procesos asistenciais e a mellorar a interoperabilidade entre sistemas.

Liñas de evolución

Entre as principais liñas de evolución previstas atópanse a incorporación de ferramentas baseadas en intelixencia artificial para apoiar a toma de decisións clínicas. Deste xeito, e atendendo ao conxunto de rexistros que contén a historia clínica, o persoal médico poderá visualizar, avaliar e identificar o estado de saúde dos pacientes dun xeito máis áxil.

Por outra banda, continuarase coa integración progresiva da información xenómica nos procesos asistenciais, o que contribuirá, por exemplo, a ofrecer os tratamentos farmacolóxicos máis axeitados para cada persoa.

A actualización dos módulos informáticos tamén reforzará os modelos de seguimento remoto de pacientes mediante dispositivos conectados, ampliando o número de dispositivos baseados no emprego de estándares clínicos, así como o número de variables que se rexistrarán de forma automática na historia clínica.

Na mesma liña, impulsaranse novas funcionalidades que faciliten a relación dixital da cidadanía co sistema sanitario. Neste caso, destaca a posibilidade de habilitar unha conversa, vía chat, entre  médico e paciente, se o profesional sanitario o habilita, unha medida que ata o de agora estaba restrinxida soamente aos paciente telemonitorizados.

O novo contrato tamén permitirá continuar reforzando as capacidades de integración e intercambio de información clínica, tanto no ámbito autonómico como co sistema nacional de saúde e co resto de países da Unión Europea, consolidando a posición de IANUS 5 como eixe central da transformación dixital da sanidade pública galega.

Con esta iniciativa, a Xunta reafirma a súa aposta por unha sanidade máis innovadora, accesible e eficiente, apoiada nas novas tecnoloxías e orientada a ofrecer unha asistencia cada vez máis personalizada, integrada e de maior calidade á cidadanía galega.

A Xunta está a tramitar o anteproxecto de Lei de transformación dixital do sistema público de saúde co fin de obxectivo actualizar tecnoloxicamente o sistema sanitario galego, mellorando a xestión de datos clínicos e regulando o emprego da IA neste eido

Data de actualización: 05/08/2026