O comisario do Xacobeo 2027 reúnese co delegado do Goberno en Galicia no marco da preparación do vindeiro Ano Santo
Marcos Gómez Román e Pedro Blanco coincidiron na necesidade de manter unha comunicación fluída para afrontar con garantías os retos organizativos, loxísticos e de seguridade do Xacobeo 2027
A Coruña, 5 de agosto de 2026
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, reuniuse esta mañá co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nun encontro no que ambas institucións analizaron as principais liñas de traballo de cara á organización do vindeiro Ano Santo. Durante a xuntanza, Marcos Gómez Román destacou a transcendencia desta celebración “que situará Galicia no centro da atención internacional e implicará un importante esforzo organizativo en ámbitos como a mobilidade, a seguridade, a atención aos peregrinos e a xestión dos fluxos de camiñantes”.
Marcos Gómez Román subliñou que a preparación do Xacobeo 2027 require a implicación e o compromiso de todas as administracións, apostando por unha planificación anticipada que permita ofrecer aos peregrinos unha experiencia segura, ordenada e de calidade ao longo de todos os itinerarios xacobeos.
Entre outros asuntos abordados na reunión, estivo a cuestión da seguridade no camiño, o reforzo da información que se ofrece aos peregrinos, coordinar actuacións para reducir o risco nos tramos en que o camiño se cruza con estradas principais e garantir a coordinación dos dispositivos especiais que será necesario despregar durante o Ano Santo.
Marcos Gómez Román e Pedro Blanco acordaron manter unha comunicación fluída que permita avanzar na preparación do Ano Santo desde a cooperación institucional, co obxectivo de que o Xacobeo 2027 volva ser referente tanto pola súa dimensión espiritual e cultural como pola capacidade de Galicia para organizar un evento seguro, hospitalario e de calidade.