A delegada territorial, Martina Aneiros, participou esta mañá no acto de presentación na sala Curuxeiras
A Xunta apoia unha nova edición do Nachiños Fest no marco dos Concertos do Xacobeo
A cita, que celebra este ano a súa sétima edición, terá lugar os días 14 e 15 de agosto no Porto de Curuxeiras con artistas como Baiuca, The Rapants ou Puño Dragón
Ferrol, 5 de agosto de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na sala Curuxeiras na presentación da sétima edición do Nachiños Fest, enmarcado nos Concertos do Xacobeo, que terá lugar os días 14 e 15 de agosto. Este festival, que un ano máis conta co respaldo do Goberno galego, celebrarase no porto de Curuxeiras.
Acompañada de representantes provinciais, do Concello de Ferrol e da organización do evento, Aneiros destacou a aposta do festival de seguir medrando sen perder a súa esencia, “apostando polo indie, o urbano, o pop e a música propia”. No cartel deste ano, destacan nomes como Baiuca, The Rapants ou Puño Dragón. Ademais, o festival contará cun concerto previo de Coke Couto o día 13 de agosto a bordo da lancha de Mugardos que xa esgotou entradas.
A delegada territorial destacou na súa intervención o compromiso da Xunta con eventos como o Nachiños Fest que “forman parte desa oferta cultural diversa e descentralizada que contribúe a facer de Galicia un destino máis vivo, máis activo e con máis oportunidades para de ocio”.
As entradas para asistir ao festival xa están á venda na páxina oficial do Nachiños Fest. O prezo das mesmas oscila entre os 33 euros das entradas diarias e os 55 euros do abono de dúas xornadas.
Concertos do Xacobeo, nos principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo con máis de 185 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 75 localidades de toda Galicia.