A Xunta licita por preto de 190.000 euros as obras de humanización da contorna de Santa Baia de Berredo, no concello da Bola
A actuación, que se enmarca no Plan Hurbe da Xunta, permitirá intervir nos lugares de Anxá e A Eirexa
As empresas poderán presentar as súas ofertas para estes traballos ata o 7 de setembro
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026
A Xunta licita por preto de 190.000€ (188.429€) as obras de humanización do entorno de Santa Baia de Berredo, no concello da Bola. Estes traballos enmárcanse no Plan Hurbe da Administración autonómica, co que colabora coas administracións locais para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.
En concreto, a través desta actuación,, proxectase intervir nos lugares de Anxá e A Eirexa. actuarase en dous camiños desta parroquia de Berredo que comunican desde a estrada autonómica ata a capela situada no lugar de Anxá e a igrexa parroquial no lugar da Eirexa.
Os tramos do viario sobre os que se prevé actuar comparten, nestes momentos, o uso peonil co tráfico rodado. A través da actuación, trátase de dotalos dun novo pavimento, na actualidade deteriorado.
As empresas interesadas nestes traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de setembro.
A Xunta asinou co Concello da Bola un convenio ao abeiro do Plan Hurbe para financiar esta actuación, cuxo investimento total se eleva a 260.513€. A través desta cooperación do departamento que dirixe M. Allegue achegará o 70% do orzamento desta intervención, contratará e executará as obras. O Concello da Bola asumirá o 30% restante do custe das obras, e corresponderalle o mantemento e conservación.
Estas actuacións enmárcanse na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.