A Xunta impulsa un círculo de mulleres vítimas de violencia de xénero no centro de crise de Santiago
O obxectivo é ofrecer un espazo seguro e anónimo no que intercambiar experiencias e contribuír no proceso de recuperación
As participantes estarán acompañadas durante todo o proceso por persoal especializado deste recurso
Santiago de Compostela, 06 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha un círculo de mulleres vítimas de violencia sexual e de xénero no centro de crise Acompañadas 24h de Santiago de Compostela. O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, explicou nunha visita a este recurso que o obxectivo da iniciativa é proporcionar un espazo seguro, confidencial e privado no que poidan expoñer as súas experiencias.
A iniciativa nace a raíz dos talleres realizados polo persoal deste centro de crise que decidiron apostar por esta iniciativa como terapia grupal na que ofrecer axuda mutua entre mulleres afectadas, sempre acompañadas de profesionais especializadas. Deste xeito, Roberto Barba, destacou que o obxectivo é favorecer a súa recuperación integral e intercambiar experiencias que axuden sempre a mellorar a situación destas mulleres.
Na visita, na que tamén participou o director de Procesos de Soporte do Hospital Clínico de Santiago, Jorge Aboal, as traballadoras do centro explicaron que, durante as sesións previas a este circulo, observáronse importantes melloras a nivel social e psicolóxico entre as participantes.