A conselleira de Política Social e Igualdade coñeceu as instalacións, ubicadas en Lalín
Fabiola García destaca o compromiso da Xunta cos fogares galegos na visita ao novo Punto de Encontro Familiar do Deza
O Goberno galego ven de poñer en marcha tres Puntos de Encontro Familiar nas comarcas do Deza, A Mariña e Verín
O Executivo autonómico investiu nestes novos servizos públicos máis de dous millóns de euros
A conselleira sinalou que os PEF representan un recurso fundamental para os nenos e as familias en risco de desprotección
Lalín (Pontevedra), 6 de agosto de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o Punto de Encontro Familiar (PEF) do Deza, que acaba de entrar en funcionamento para dar servizo a decenas de familias da comarca.
Coa apertura deste recurso, indicou, os encontros de unidades familiares en risco de desprotección da contorna do Deza centralizaranse en Lalín, nunhas instalacións cedidas polo Concello que a conselleira percorreu co alcalde da localidade, José Crespo, ao que lle agradeceu a súa implicación para levar a cabo o proxecto.
Fabiola García apuntou que o PEF de Lalín é un dos tres que vén de poñer en marcha a Xunta, xunto cos que prestan servizo ás comarcas da Mariña e de Verín. Para adecuar os tres espazos o Executivo galego investiu preto de 700.000 euros, aos que se suman 1,4 millóns de euros para licitar a súa xestión.
A conselleira sinalou que os Puntos de Encontro Familiar representan un recurso fundamental para os nenos e as familias en risco de desprotección. Neste sentido, explicou que son uns espazos neutrais e seguros que se teñen conformado como o mellor marco para realizar as visitas fixadas polos xulgados en procesos de separación conflitivos.
Os PEF permiten que profesionais especializados en materia de infancia velen pola integridade dos nenos, fagan un seguimento individualizado de cada situación e alerten aos servizos de menores da Xunta en caso de identificar algún posible caso de desprotección.