A Xunta licita por máis de 820.000 euros as obras da senda na LU-234 ao seu paso por Ombreiro, no Concello de Lugo
Executarase nas marxes desta vía un itinerario de algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude de uso compartido peonil-ciclista entre a Ponte e Riazón, fomentando a mobilidade sustentable e mellorando a seguridade viaria
O prazo para que as empresas interesadas presenten ofertas rematará o vindeiro 10 de setembro
O departamento que dirixe María M. Alleguer aposta polo reforzo da seguridade dos usuarios máis vulnerables das vías, a través destes itinerarios que favorecen os desprazamentos dos cidadáns, máis cómodo, máis seguro e máis saudable
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega da Infraestruturas, licitou hoxe a execución das obras da senda da estrada autonómica LU-234 ao seu paso pola parroquia de San Martiño de Ombreiro, no concello de Lugo.
Mediante este contrato, licitado por un importe de 822.534,61 euros, trátase de habilitar un itinerario seguro de uso compartido peonil-ciclista, de algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude, en paralelo á marxe esquerda desta vía autonómica, entre os núcleos rurais da Ponte e Riazón, posibilitando coa súa execución o fomento da mobilidade sostible en condicións seguras.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de setembro. Esta intervención na LU-234 financiarase con fondos FEDER 21/27.
As obras
En concreto, a intervención licitada hoxe pola Xunta consiste na execución, en paralelo á estrada LU-234, dunha senda de uso compartido peonil e ciclista, entre os puntos 3+350 e 4+630 do dito vial. A traza discorre na súa totalidade dentro do municipio de Lugo, entre os núcleos da Ponte e de Riazón, e o obxectivo é completar un itinerario seguro entre ambas as poboacións.
O itinerario discorrerá pola marxe esquerda, adxacente á estrada e mantendo o mesmo trazado que esta. Considérase un ancho de senda de 2,5 m, incluíndo o bordo estético de 0,22 m e establécese unha beiravía de 0,5 m. A senda elévase 10 centímetros sobre a beiravía como norma xeral salvo nos accesos, onde se rebaixa ata os 2 centímetros e nas interseccións, onde se enrasa coa cota da calzada.
Tamén se acondicionará a parada de autobús do punto quilométrico 4+490 para mellorar a súa accesibilidade, mantendo o refuxio existente, pero desprazándoo de forma que quede un paso de 2,50 metros de ancho por diante del e unha franxa de 30 centímetros por detrás para a súa limpeza.
En todo o percorrido o pavimento empregado será de formigón coloreado en cor terrizo. Nos accesos ás parcelas e nos cruces cos camiños municipais o formigón incrementará o seu espesor e irá reforzado con mallazo de aceiro. Empregarase pavimento podotáctil nos cruces coas estradas municipais e na anteriormente citada parada de autobús.
Para minimizar as futuras afeccións á senda debido a obras de redes de servizos, planéase a inclusión dun prisma de canalización de telecomunicacións baixo a beirarrúa. Analogamente, proxéctase outra canalización para a rede eléctrica.
Por último, hai que destacar que, durante os traballos de construción, será necesario retranquear ou retirar catro postes da rede de iluminación e reforzar a cimentación dun poste da rede eléctrica. Tamén se axustarán as cotas de varios pozos e arquetas para adaptalos á superficie da senda.
O departamento que dirixe María M. Allegue segue traballando no reforzos da seguridade dos usuarios máis vulnerables das vías, que son os peóns e os ciclistas, toda vez que este tipo de itinerarios favorecen os desprazamentos dos cidadáns, pero dun xeito máis cómodo, máis seguro e máis saudable.