A Xunta convida ás familias a un reencontro festivo tras as vacacións en Cidade Imaxinaria o 5 de setembro

O festival chega á súa décimo cuarta edición cun programa que aposta polo talento das compañías galegas

Maxia, clown, novo circo, música e teatro conforman unha proposta que culmina a programación estival da Cidade da Cultura

Con acceso libre e de balde, as actividades desenvolveranse entre as 17,00 e as 20,00 horas ao abeiro da programación ‘Para gustos, cultura’ impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia anima ás familias a reencontrarse tras as vacacións no tradicional festival Cidade Imaxinaria, que por décimo cuarta vez encherá a Cidade da Cultura de propostas culturais que inclúen maxia, música, xogos e circo. Trátase dunha cita que se celebrará o vindeiro 5 de setembro, desde ás 17,00h. ata ás 20,00h. con entrada libre e de balde.

Esta proposta, enmarcada na proposta Para gustos, cultura do Goberno galego, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas, reunirá no Gaiás a unha decena de compañías, na súa maioría galegas. Así, a iniciativa aposta polo talento local ao tempo que achega á Comunidade propostas de lugares como Cataluña, Portugal e Asturias. 

Cidade Imaxinaria pon á cativada no centro e trae ao Gaiás unha tarde repleta de actividades culturais que, ademais de ser fonte de diversión, fomentan a reflexión en torno á importancia da colectividade e a forza da imaxinación. Por outra banda, tamén se promove o benestar emocional dende idades temperás cun espazo sensorial para bebés, a participación da cativada nas artes escénicas cunha escoliña de circo, e o uso de materiais reciclados como elementos de xogo.

Cita clásica do Gaiás

Cidade Imaxinaria é unha das citas clásicas da programación infantil do Gaiás. Desde 2011, e tras un parón durante a pandemia, este evento vén congregando a milleiros de familias na Cidade da Cultura ao longo das súas trece edicións previas. Ao realizarse na última fin de semana antes de que comece o período escolar, esta iniciativa convértese no colofón final dun verán repleto de actividades no Gaiás.

Data de actualización: 09/08/2026